Baiuca e Tanxugueiras optan a varios galardóns dos Premios MIN de música independente

Tamén están nomeados Verto, Grande Amore, a Banda da Loba, Abe Rábade ou Os Resentidos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2022 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

Baiuca, o proxecto musical que encabeza o galego Álex Guillán, opta a seis galardóns da XIV edición dos Premios MIN de música independente --que organiza a Unión Fonográfica Independente--, entre eles o de mellor álbum do ano polo seu traballo 'Embruxo'.

Ademais, está nomeado nas categorías de mellor canción ('Veleno'), mellor produción, artista emerxente, gravación en electrónica e álbum en galego. Nesta última categoría compite coa Banda da Loba ('Hasme oir'), Verto ('Embora'), Os Resentidos ('Organización Nautilus') e Grande Amore ('Grande Amore').

Pola súa banda, Tanxugueiras, que quedaron ás portas de concursar en Eurovisión, concorren a tres galardóns: artista emerxente, canción ('Terra') e mellor videoclip ('Figa').

Entre outros nomeados galegos tamén se atopa: Ortiga, na categoría de mellor gravación en músicas urbanas polo seu traballo 'Sabes el camino elegí'; Abe Rábade, en mellor álbum de jazz con 'Sorte'; Triángulo de Amor Bizarro, en mellor directo; e Batea, na categoría de mellor deseño gráfico.

Deste xeito, Baiuca é o segundo artista máis nomeado, só por detrás dos nove galardóns aos que opta Zahara polo seu álbum 'Puta'; e por diante doutros como Maria Arnal i Marcel Bagés e Alizzz, que poden gañar cinco cada un, así como Rigoberta Bandini, con catro.

"Nunca ningún artista nestes case 15 anos optara a tantas figuras cun álbum composto integramente nunha lingua cooficial, neste caso o galego, por 'Embruxo", sinala o selo Raso Estudo, que publicou o álbum en 2021. A gala celebrarase o 27 de abril na Navarra Arena de Pamplona. Contará con actuacións do propio Baiuca, Maria Arnal i Marcel Bagés, Rosario La Tremendita e Chill Mafia.

Baiuca (Alejandro Guillán / Europa Press - Baiuca. / Europa Press
Baiuca (Alejandro Guillán / Europa Press - Baiuca. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta