Por X.M. Fernández | Verín | 08/04/2022 | Actualizada ás 09:00
Segundo nos contan, na década dos cincuenta, Enrique Gómez Pato comezou a percorrer as rúas de Verín con efémeras esculturas de madeira recubertas de plantas silvestres. Ao carón, ou agochado no interior, el e os seus acompañantes cantaban e espallaban unhas coplas que a veciñanza agardaba pola súa creatividade e crítica.
Na súa lembranza, e para que se manteña esta manifestación da cultura popular, o Concello de Verín organiza unha concentración de maios tradicionais, artísticos ou feitos con refugallos. Nesta concentración 'non competitiva' poderán inscribirse antes do 25 de abril centros de ensino, institucións e asociacións da comarca de Verín legalmente rexistradas.
O concello colabora economicamente para a montaxe dos maios, que se xuntarán na Praza da Alameda o 1 de maio no lugar indicado pola organización e dende as 10:00 h. ata que remate a celebración.
As coplas que se redacten terán que seguir, ao igual que a montaxe dos maios, unhas determinadas condicións. As bases ao detalle atópanse publicadas na web do Concello de Verín.
As doazóns que se recaden no reparto das coplas destinaranse ao financiamento do programa da UNICEF “Emergencia en Ucrania”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.