A loita dos Praceres contra un proxecto de Adif: "Vai significar a morte do pobo"

A veciñanza asegura que a construción de dous pasos subterráneos é "a estocada final" ao lugar e non descartan mobilizarse.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2022 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

A Asociación Estriceres vén de manifestar o seu rexeitamento ao proxecto dos pasos subterráneos que o Ministerio de Transportes pretende construir na praza dos Praceres, en Lourizán, para eliminar os pasos a nivel existentes. "Trátase da consumación do asasinato dun pobo", sentenzan nun comunicado. 

Praza dos Praceres, Lourizán
Praza dos Praceres, Lourizán | Fonte: Pontevedraviva.com

A asociación cualifica de "aberración" a supresión destes pasos a nivel e lembran a loita da veciñanza contra a construción do propio tren. "O tren que construíron en 2001 fíxose de forma ilegal, tal como confirmou unha sentenza xudicial. A veciñanza tiñamos razón nas nosas protestas, aínda que foramos reprimidos con dureza polas forzas policiais", explican.

Para a veciñanza, a construción deste tren representou unha "auténtica navallada" para o pobo, posto que dividiu pola metade o núcleo da parroquia. "A praza diante da igrexa, onde celebrabamos as nosas festas e que constituía o lugar central da vida social da veciñanza". Tratouse, din, dun episodio "traumático" que quedou na memoria colectiva do pobo.

Por iso, aseguran que, agora, o proxecto de supresión dos pasos a nivel é "a consumación do asasinato do noso pobo". "É simplemente a estocada final, o tiro de graza", sentenzan. Este proxecto foi sometido en 2013 a exposición pública e en 2020 foi elevado ao Consello de Ministros, posto que que existía disconformidade do Concello de Pontevedra.

"As persoas de Lourizán quedamos moi afectadas pola construción do tren pola praza. Agora parece que o Estado se quere vengar da nosa oposición e castigarnos con este proxecto que vai empeorar as nosas vidas e que vai significar a morte dos Praceres. Ninguén quere volver a vivir días tan tristes como os de 2001, pero acaso nos deixan outra alternativa que recurrir outra vez á mobilización social?"; explican no comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta