O PSdeG acusa á Xunta de estar "en conivencia" co sector das casas de apostas

Anuncia que impulsará unha lei para regular o sector do xogo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2022 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

O PSdeG anunciou que presentará no Parlamento unha lei para regular o xogo nas casas de apostas e denunciou "a conivencia da Xunta co sector". No marco dunha xornada de debate sobre esta materia organizada polo PSdeG no Parlamento este sábado, o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, sinalou que se trata "dunha proposta ambiciosa" e que ten como obxectivo "protexer aos mozos galegos" con medidas como establecer unha distancia mínima entre as casas de apostas e os colexios.

Neste sentido, Formoso lamentou que haxa algúns establecementos deste tipo "a cinco metros da porta dalgún centro educativo" e manifestou que "se baleiran os patios dos colexios sen que o Goberno galego faga absolutamente nada para evitalo".

Ademais, avanzou que a proposta dos socialistas incluirá prohibicións para que non haxa caixeiros automáticos nas casas de apostas e tamén para que non utilicen reclamos como zonas de xogo infantil para os nenos nos propios locais. Nesta mesma liña, o líder do PSdeG lamentou que isto ocorra en Galicia "coa conivencia da Xunta e sen que as autoridades competentes na materia fagan nada para regular esta situación".

Así, reivindicou ao PSdeG como un partido "disposto a liderar Galicia" e a pór encima da mesa medidas en materia de xogo ante a "ausencia" do Goberno de Núñez Feijóo "non só nesta materia, senón en todas as materias estratéxicas do país".

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunhas xornadas de debate sobre a lei do xogo. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunhas xornadas de debate sobre a lei do xogo. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta