Máis de 100.000 alumnos galegos seguen baixo o 'decreto de plurilingüismo'

A Xunta abre prazo para seguir sumando centros ao cuestionado modelo de Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2022 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A Xunta abriu o prazo para a incorporación de novos centros escolares ao cuestionado modelo de ensino plurilingüe para o próximo curso 2022-2023, tanto na Rede de centros plurilingües (Primaria e Secundaria) como na etapa de Infantil e Bacharelato. Este modelo, que leva xa máis dunha década implantado, supón que un terzo do horario lectivo se imparte supostamente en lingua estranxeira e, ata o momento, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade cuantificou en 100.000 os alumnos "beneficiados" e 465 centros adscritos.

Así mesmo, para dar apoio a estes centros, este ano a Consellería pon ao servizo da comunidade educativa un total de 628 auxiliares de conversación. Deste xeito, os centros escolares que queiran formar parte da Rede de Centros Plurilingües nas etapas de Primaria e Secundaria deberán presentar un proxecto plurilingüe para o primeiro curso da etapa, así como unha planificación para os seguintes anos académicos.

Pola súa banda, a Xunta destacou que os centros que queiran aplicar este modelo en Bacharelato deberán acreditar profesorado que imparta materias non lingüísticas en lingua estranxeira e deberá ser especialista na área que vaia a impartir nesta modalidade ou estar en posesión da habilitación correspondente.

Nos centros de Educación Infantil, o profesorado que imparta as áreas non lingüísticas en lingua estranxeira debe de ter como mínimo o nivel B2 ou equivalente nesta lingua e contarán con plans específicos de formación no centro. Os centros interesados en anotarse a este programa, impulsado pola Consellería no marco da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, terán de prazo ata o 30 de abril para remitir as súas solicitudes.

Román Rodríguez participa na Conferencia Sectorial de Educación
Román Rodríguez participa na Conferencia Sectorial de Educación | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta