Rueda acepta dirimir a sucesión do PP nun congreso se hai "acordo e unidade" de antemán

O vicepresidente primeiro, favorito na sucesión, defende que a mellor opción sería "unha proposta conxunta" con independencia "da opinión de cada un". Pedro Puy tamén apoia a lista unitaria, pero sen apuntar directamente a Rueda: "no PP hai moitas persoas que poderían substituír a Feijóo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2022 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta e presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, defendeu que sería "unha boa decisión" que o PPdeG resolva a sucesión de Alberto Núñez Feijóo, tal e como apuntou o propio presidente galego este fin de semana.

"Se a proposta finalmente é o congreso eu creo que sería unha boa decisión", respondeu Rueda, ao ser preguntado polos xornalistas no transcurso dun acto oficial en Pontevedra. "Se todos estamos de acordo, eu creo que é unha boa fórmula; desde logo", apostilou. Preguntado sobre as súas aspiracións persoais respondeu que el, "a día de hoxe", non se ve "absolutamente de nada", a pesar de ser o que figura como mellor situado nas quinielas da substitución. "Eu espero, e estou seguro de que vai ser así, que faremos unha proposta conxunta na que todos estaremos de acordo, para facer as cousas ben", defendeu.

"Queremos unha cousa previsible, ben feita e desde a unidade", insistiu Rueda, que recalca que a decisión que se adopte será porque é un desexo conxunto no partido, xa se trate "de bicefalia ou que coincida na mesma persoa as dúas condicións de presidente --na Xunta e no PPdeG--". O vicepresidente primeiro da Xunta aclarou que para el, "facer as cousas ben" significa neste ámbito político que "se fan falando internamente e despois facendo unha proposta conxunta" e sempre "con independencia da opinión" que teña cada dirixente.

Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda | Fonte: Europa Press - Arquivo

APOIO DE PEDRO PUY 

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, mostrouse favorable á vía do congreso extraordinario para articular a sucesión de Alberto Núñez Feijóo, despois de que este o fixese tamén nunha entrevista este fin de semana. Previamente, os presidentes provinciais de Ourense, Manuel Baltar, e A Coruña, Diego Calvo, pediran un conclave.

En declaracións aos medios, en Santiago, tamén considerou como mecanismo "máis adecuado" o de acordar unha lista unitaria e exemplificouno co "ben" que saíu o congreso do PP en Sevilla, no que se deu por pechada a etapa de Pablo Casado con Feijóo como único candidato.

Puy evitou tanto sinalar ao vicepresidente primeiro da Xunta e líder provincial do PP pontevedrés, Alfonso Rueda, como descartarse a si mesmo, preguntado acerca de se o podería ser unha alternativa que suscitase o consenso, e defendeu que non é o momento de falar de nomes, ademais de resaltar que o PPdeG ten "moitas" opcións.

"Unha das vantaxes do noso partido é que hai moitas persoas que poderían substituír a Feijóo", reivindicou e escudouse, para evitar ser máis explícito, en que el é portavoz do Grupo Parlamentario Popular, no que están "representadas" as distintas organizacións provinciais do partido.

Por outra banda, defendeu que "o máis adecuado" sería concorrer cunha lista unitaria. "Simplificaría moitas cuestións", trasladou, e tras desexar "éxitos persoais" ao líder do PSdeG, Valentín González Formoso, pediulle "o mesmo respecto" para a substitución de Feijóo que os populares --defendeu-- mostraron ante os procedementos orgánicos socialistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta