O 061 pide precaución nas estradas durante a Semana Santa

No mesmo período do ano pasado o 061 de Galicia asistiu a 122 condutores, unha das cales faleceu no lugar do accidente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2022 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias en Galicia, pediu a condutores precaución nas estradas ante o inicio, este xoves, das vacacións de Semana Santa, que se estenderán ata o vindeiro domingo, día 17 de abril.

Nun comunicado, sinala que cando se produce un accidente de tráfico a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de gran utilidade. En primeiro lugar, facilitando ao 061 toda a información relevante e, en segundo, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados.

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, o servizo recomenda tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente e acender as luces de emerxencia. Deberá poñer roupa reflectora, nunca escura. Ademais, sinalizará o accidente 50 metros, como mínimo, antes e despois do lugar no que ocorreu.

Outra das medidas que se deberán realizar será apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado e considerar a existencia de perigos engadidos, como pode ser o desprendemento de gases, incendios e cables eléctricos, entre outros.

Así mesmo, sinala que o que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender os accidentes, hai que adoptar as medidas de seguridade adecuadas, para evitar novos accidentes. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.

Arquivo - Coches na estrada. GANVAM - Arquivo
Arquivo - Coches na estrada. GANVAM - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta