Estes son os consellos se es testemuña dun accidente de Tráfico en Semana Santa

O 061 de Galicia pide precaución aos condutores nos desprazamentos durante estas datas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2022 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, pediulles á condutores precaución nas estradas ante o inicio, este xoves, das vacacións de Semana Santa, que se estenderán ata o vindeiro domingo, día 17 de abril.

Nun comunicado, sinala que cando se produce un accidente de tráfico a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de gran utilidade. En primeiro lugar, facilitando ao 061 toda a información relevante e, en segundo, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados.

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, o servizo recomenda tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente e acender as luces de emerxencia. Deberá pór roupa reflectora, nunca escura. Ademais, sinalizará o accidente 50 metros, como mínimo, antes e despois do lugar no que ocorreu.

Outra das medidas que se deberán realizar será apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado e considerar a existencia de perigos engadidos, como pode ser o desprendemento de gases, incendios e cables eléctricos, entre outros.

Así mesmo, sinala que o que non se debe facer nunca é pór en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender os accidentes, hai que adoptar as medidas de seguridade adecuadas, para evitar novos accidentes. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.

BALANCE SEMANA SANTA 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Semana Santa de 2021 a 122 persoas debido a 90 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprendeu entre as 15,00 horas do mércores, 31 de marzo, ata as 23,59 horas do domingo, 4 de abril. O maior número de atencións por sinistro rexistrouse o mércores, con 21 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 105 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 90 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 122 persoas.

A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 69% e do 31% respectivamente. Nas idades dos feridos, observáronse que o 33% dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos. Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes, con 39 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Accidente en Semana Santa
Accidente en Semana Santa | Fonte: GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta