Miñones anima ás empresas galegas que aproveiten os case 25 millóns destinados polo Goberno a formación laboral

No caso das entidades sen ánimo de lucro, estas axudas irán destinadas á formación de persoas en situación de desemprego e/ou en situación de especial vulnerabilidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2022 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno, José Miñones, animou a empresas e asociacións de Galicia a "aproveitar" os 24,5 millóns de euros do Plan de Recuperación para accións de formación e cualificación profesional.

As axudas xestiónaas o Ministerio de Educación e Formación Profesional, segundo recollen no comunicado, co obxectivo de "impulsar a formación dos traballadores e a acreditación das súas competencias para mellorar así a súa empregabilidade".

Miñones sinalou que poden acceder a estas axudas tanto empresas, como organizacións ou consorcios empresariais e tamén entidades sen ánimo de lucro. No caso de empresas e asociacións empresariais, o obxectivo é que os traballadores actualicen as súas competencias profesionais ou adquiran outras novas no marco sectorial e empresarial de que se trate.

No caso das entidades sen ánimo de lucro, estas axudas irán destinadas á formación de persoas en situación de desemprego e/ou en situación de especial vulnerabilidade.

En canto aos contidos, esta convocatoria abordará a adquisición de competencias vinculadas con sectores estratéxicos e emerxentes, como o coidado das persoas, o turismo, as novas tecnoloxías da información, a biofarmacia e produtos médicos avanzados, entre outros.

Tamén pode subvencionarse a organización de procedementos previos de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral ou vías non formais de formación.

As accións formativas terán unha duración dun mínimo de 30 horas e un máximo de 60, e deberán identificar os seus contidos a unidade ou unidades de Competencia das Cualificacións Profesionais ás que se asocian.

O Goberno achegará entre 245 euros e 550 euros por persoa e formación recibida, segundo a duración da mesma. O prazo de solicitudes finaliza o vindeiro domingo 22 de abril.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. DELEGACIÓN DO GOBEIRNO
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. DELEGACIÓN DO GOBEIRNO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta