Case o 60% do empresariado prevé subir prezos ante a guerra e a inflación

"O tecido empresarial galego está a asistir a un novo revés inesperado, económico e político", sinala un informe da consultora Grant Thornton.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2022 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

O 57% das direccións da mediana empresa galega mostrou a súa intención de elevar os seus prezos ante a situación xeopolítica actual e os efectos da inflación, segundo detallou a consultora financeira Grant Thornton no seu último informe publicado este luns.

Desta forma, Galicia convértese na segunda comunidade, por detrás de Valencia, na que máis empresarios recoñecen que aumentarán os seus prezos. Segundo expuxo a asesoría, trátase dunha "tendencia xeneralizada" entre o groso do empresariado, no que só o 14% recoñece que conta con marxe para reducir os seus prezos nos próximos meses.

Un dos factores causantes desta situación foi o conflito xeopolítico causado pola invasión rusa de Ucraína, que disparou a inflación ata o 9,8 interanual, afectada principalmente pola subida dos prezos da enerxía. Por iso, a preocupación pola alza dos prezos enerxéticos alcanzou ao 86% do empresariado, 33 puntos máis que a principios de 2021, situando así a Galicia como a comunidade con maior preocupación polos prezos, segundo apuntou o informe.

En vista destas circunstancias, o socio codirector de Gran Thornton en Galicia, José Ramón Cuervo, manifestou que "o tecido empresarial galego está a asistir a un novo revés inesperado, económico e político". De todos os xeitos, a consultora tamén sinalou que a saúde do 'mid-market' galego segue en datos positivos, aínda que empeorou un punto con respecto do ano anterior e sitúase por baixo da media europea.

Arquivo - Camareiras nun bar. FUNDACIÓN MAHOU SAN MIGUEL - Arquivo
Arquivo - Camareiras nun bar. FUNDACIÓN MAHOU SAN MIGUEL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta