Galicia supera as previsións e marca unha ocupación media do 80% na Semana Santa

Máis de 8.700 peregrinos selaron a compostelá á súa chegada a Santiago entre o xoves e o domingo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2022 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

A Semana Santa finalizou en Galicia cunha ocupación media de 80%, segundo comunicou Vicepresidencia Primeira da Xunta nunha nota de prensa. Ademais, o sector estima que no caso de destinos turísticos como Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela, a Mariña lucense ou a Ribeira Sacra a ocupación foi mesmo maior, situándose entre o 90% e o 100% nalgúns casos.

O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves, permitiron a Galicia pechar a Semana Santa cunha ocupación media por encima das previsións establecidas polo sector en parte dos destinos turísticos galegos.

FERROL E SANXENXO MARCARON UN 90%

Por provincias e territorios, Santiago e A Coruña cumpriron coas expectativas de ocupación, situadas sobre o 80%, mentres que en Ferrol, durante os días grandes desta semana Santa, rexistrou unha ocupación media do 90%. Noutros lugares como a Costa da Morte, a ocupación situouse no 60%.

En Pontevedra, Sanxenxo marcou unha media de ocupación do 80% das súas prazas hoteleiras, que mesmo roldou o 90% nos hoteis de máis categoría. En Vigo, a ocupación quedou sobre o 70%.

En Lugo, a Mariña foi o territorio que alcanzou mellores cifras de ocupación, cun 75%, xunto á Ribeira Sacra, onde a ocupación estivo sobre o 80%, con cifras mesmo superiores nos establecementos de turismo rural. No caso da provincia de Ourense rexistrouse unha ocupación de xoves a domingo do 80%.

Con estes datos, a administración autonómica puxo en valor "o gran traballo do sector turístico" e a elección do viaxeiro de orixe estatal e de proximidade, que "soubo ver en Galicia o destino ideal para esta semana Santa".

MÁIS DE 2.000 PEREGRINOS DIARIOS

Por outra banda, o Camiño de Santiago xogou un papel fundamental na chegada de viaxeiros, xa que se alcanzou unha media de máis de 2.200 peregrinos diarios durante os días festivos, o que se traduciu na chegada de 8.700 peregrinos entre o Xoves Santo e o Domingo de Pascua.

A terraza dun bar, na praza do Obradoiro, a 9 de outubro de 2021, en Santiago de Compostela / César Arxina - Europa Press. / Europa Press
A terraza dun bar, na praza do Obradoiro, a 9 de outubro de 2021, en Santiago de Compostela / César Arxina - Europa Press. / Europa Press

HOSTALARÍA

O presidente da Federación de Hostalaría de Galicia e da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Lugo, Cheché Real, destacou unha actividade en Semana Santa en Galicia "magnífica e óptima". O "bo tempo", valorou, acompañou eses días festivos, e aínda no sector "solicitan datos" para coñecer como foron as cifras desa semana. 

En canto a ocupación hoteleira, dixo que esta se disparou "ata máis do oitenta por cento", o que dá confianza no sector "para afrontar a campaña de verán", que en breve se abre. Con este escenario e á espera dunha recuperación do sector da hostalaría moi castigado por estes dous anos de pandemia, non oculta que ten "dúbidas".

Sobre todo esa incerteza preséntase "polas circunstancias que estamos a atravesar, entre outras as subidas dos carburantes e da enerxía que afectan á economía das familias que son os nosos clientes", comentou.

"Se cadra tiran de reservas e non hai máis para encher o depósito. Esperamos que isto non sexa así e que os depósitos (o aforro) vaian con bo nivel para encarar a tempada de verán que empeza xa, desde mediados de maio e ata finais de setembro", concluíu o presidente da Federación de Hostalaría de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta