Pontón augura "continuísmo" con Rueda: "Galicia precisa cambios de políticas, non de caras"

A líder do BNG lamenta que "o único" que foi "a máis" en Galicia co PP foi "a débeda, a emigración e os recortes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2022 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, augurou que o cambio na Presidencia da Xunta, que previsiblemente asumirá o actual número dous, Alfonso Rueda, significará "continuísmo puro e duro" na xestión dun Goberno autonómico no que ve necesario un cambio "de políticas, non de caras".

Así o manifestou a preguntas dos medios nunha rolda de prensa celebrada este luns no Parlamento galego, onde a líder nacionalista dixo coñecer polos medios de comunicación as novidades sobre o proceso de substitución na Xunta coa saída do presidente desde 2009, Alberto Núñez Feijóo; pendente aínda de facerse efectiva.

"Levamos dúas sesións de control tentando que na sede da soberanía dos galegos, que é o Parlamento, se diga con claridade cal é o calendario que imos ter nos próximos días. E o que vemos é que se din máis cousas nos medios que ante o propio Parlamento", manifestou Pontón, que volveu urxir a adopción de decisións para sacar o Executivo galego da "parálise" na que, di, está sumido "desde hai tres meses".

"Dixemos desde o primeiro momento que se a decisión era presidir o PP tiña que dimitir como presidente da Xunta", incidiu, antes de lamentar que os populares prolonguen os tempos da substitución ata "cadrar o sudoku de poder das baronías" mentres Galicia atravesa "a peor" crise de prezos das últimas décadas.

GALICIA, "A MENOS"

Para a líder nacionalista, a chegada de Rueda á Xunta non suporá cambios de calado. "Imos ter continuismo puro e duro", espetou, antes de sentenciar que Galicia "vai a menos" co PP á fronte do seu goberno, no que se necesitan cambios "de políticas, non de caras".

"O único que creceu nestes anos co PP foi a débeda, a emigración e os recortes en sanidade", aseverou Pontón, que a súa formación representa a "alternativa de futuro" e que se envorcarán "con todo o compromiso e o talento" para alcanzar San Caetano. Cuestionada sobre se cre que a saída de Feijóo achandará ese camiño, Pontón incidiu en que "en política non hai que subestimar a ninguén".

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, durante unha entrevista para Europa Press na sede do Parlamento de Galicia. César Arxina - Europa Press
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, durante unha entrevista para Europa Press na sede do Parlamento de Galicia. César Arxina - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta