Queres participar nun canto colectivo do Grândola, a canción da Revolución dos Cravos?

A AJA-Galiza conmemora o 50 aniversario do himno da revolución portuguesa.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/04/2022 | Actualizada ás 21:10

Comparte esta noticia

A Associaçom José Afonso (AJA – Galiza) conmemorará o 50 aniversario da estrea pública do Grândola en Compostela para celebrar esta edición da Revolución dos Cravos que acabou coa ditadura en Portugal. O evento, de entrada libre e gratuíta, será este domingo 24 de abril ás 17:00 horas no patio do Burgo das Nacións, no lugar onde foi aquel histórico concerto de 1972, en Santiago de Compostela.

Testemuño da primeira xira por Galicia de Zeca Afonso (dereita), xunto co cantautaro galego Benedicto Garcia Villar, en 1972
Testemuño da primeira xira por Galicia de Zeca Afonso (dereita), xunto co cantautaro galego Benedicto Garcia Villar, en 1972 | Fonte: www.aja.pt.

Este acto contará coas actuacións de Falua (Galiza) e de Manuel Teixeira (Portugal), que traerá o repertorio do Zeca, ademais das intervencións de Odilo G. Carnero, presidente da AJA-Galiza; de Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural en Santiago; e do pintor Nolo Suárez, que foi testemuña daquel concerto en que por vez primeira se interpretou en público o Grândola, como recoñeceu o propio José Afonso nunha entrevista, dous anos antes de se converter na consigna do inicio da Revolución dos Cravos.

Ademais, as persoas asistentes poderán ver unha exposición sobre a vinculación de José Afonso con Galiza e os valores da Revolución dos Cravos, con documentación compilada no labor de investigación que realiza a AJA-Galiza. Ao remate do acto, procederase ao canto colectivo do Grândola como un símbolo de irmandade entre Galiza e Portugal.

De xeito paralelo, a exposición “Os cartazes do 25 de Abril” exhibirase no IES de Soutomaior do 22 ao 29 de abril, froito da colaboración da AJA-Galiza con este centro de ensino, coa intención de dar a coñecer desde unha perspectiva histórica, cultural, lingüística e plástica a Revolución dos Cravos ás xeracións máis novas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta