O Rei Emérito podería reaparecer en Sanxenxo esta mesma fin de semana tras case dous anos de exilio

Así o vén de adiantar o xornal Vozpopuli, que cita fontes "próximas" ao monarca apuntando ao regreso "inminente" de Juan Carlos I. Precisamente, a Delegación do Goberno vén de confirmar que Felipe VI se desprazará ata Sarria en viaxe oficial o vindeiro martes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2022 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

O Rei Emérito Juan Carlos I podería volver ao Estado en poucas xornadas e facer de Sanxenxo unhas das súas paradas iniciais. Así o publicou na madrugada deste xoves o xornal VozPopuli, que cita "fontes da contorna" do monarca. De acordo co amentado xornal, o rei, que até o momento seguiría no 'exilio' de Oriente Medio, tería acordado con Zarzuela o regreso ao Estado unha vez pasada a semana Santa. 

O Rei emérito Juan Carlos I, nunha imaxe de arquivo. EUROPA PRESS - Arquivo
O Rei emérito Juan Carlos I, nunha imaxe de arquivo. EUROPA PRESS - Arquivo

As mesmas fontes aseguran que o regreso podería producirse esta mesma fin de semana "se ningún acontecemento de causa maior, ou a propia presión mediática que se poida xerar por mor desta información o impiden". Segundo inciden na mesma publicación, a viaxe estaría planificada "desde hai tempo", unha circunstancia que encaixa co apuntado xornadas atrás nun popular fío de Twitter co que unha veciña da localidade Pontevedresa asegura ver indicios da presenza do emérito na vila. Citaba, entre outros, un incremento da dotación policial e a aparición de inhibidores de frecuencia, elementos todos que xa eran habituais na vila en episodios onde a presenza do rei si fora confirmada.

Acontece que, de acordo co xornal VozPopuli, esta fin de semana comeza unha competición de vela en Sanxenxo no que diversos empresarios estarían a agardar polo monarca octoxenario. Con todo, o suposto motivo principal tras o regreso do rei pasaría polo grave estado de saúde de Josep Cusí, empreasrio catalán e amizade do rei. 

A cuestión está en que, segundo a mesma publicación, a reaparición do rei podería producirse esta mesma fin de semana, coincidindo co amentado campeonato de vela. "Máis aló da súa visita a Barcelona, o Rei Emérito ten previsto tamén desprazarse a Sanxenxo para reencontrarse cos seus amigos do Club Náutico, que preside Pedro Campos Calvo-Sotelo", inciden. 

"As fontes consultadas", engaden, "explican que o círculo máis próximo a Juan Carlos I espera verlo en Sanxenxo esta fin de semana, no que se disputará o IV Circuíto da Clase 6 mR da Copa de España: unha proba que se disputa desde o venres 22 ao domingo 24". A contorna de Juan Carlos I tería confirmado ao xornal que este aínda non está en Sanxenxo, aínda que insisten en que a súa presenza alí pode ser "inminente".

O emérito abandonou España no verán de 2020 tras publicarse novas información sobre os sombríos negocios desenvoltos a expensas do seu privilexiado cargo. Precisamente, Sanxenxo foi o último lugar do Estado no que o 'Bribón' se deixou ver antes de emprender o seu particular exilio. Precisamente, a turística vila pontevedresa foi tamén escenario doutra reaparición pública do monarca despois duns meses de silencio en 2019.

VIAXE OFICIAL DE FELIPE VI

Precisamente, na mañá deste xoves fontes institucionais confirmaron que o Rei Felipe VI desenvolverá unha viaxe oficial a Galicia que ten previsto arrincar o vindeiro martes en Sarria. Polo momento non se coñecen os actos nos que ten previsto participar o monarca. Do mesmo xeito, ignórase se a viaxe oficial dará pé a un encontro entre ambos reis. Felipe VI non conta con Sanxenxo na ruta da súa viaxe oficial, que en principio se reduciría exclusivamente ao municipio lucense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta