Aprobada unha estratexia autonómica para fortalecer e diversificar o naval no período 2022-26

O plan aprobado este xoves contempla actuacións en tres eixos: a mellora da competitividade, o apoio á transformación dixital e a diversificación de actividade nos estaleiros e industria auxiliar.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/04/2022 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta deu luz verde este xoves á Estratexia de Recuperación, Diversificación e Crecemento do sector naval galego para o período 2022-2026, co obxectivo de orientar os esforzos para apontoar unha industria crave na economía da comunidade, e con accións para mellorar a súa competitividade, abrir novos mercados e facilitar a transición cara ao dixital.

Así o anunciou o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello, que este xoves se celebrou en Vigo. Segundo explicou, a Xunta pretende "emsamblar" as accións desta estratexia coas que se poidan desenvolver ao amparo do PERTE de naval, pondo a Galicia "no lugar que lle corresponde", e nunha industria que reúne a 290 empresas e 12.500 traballadores.

O plan aprobado este xoves contempla actuacións en tres eixos: a mellora da competitividade, o apoio á transformación dixital e a diversificación de actividade nos estaleiros e industria auxiliar.

MENOS CARGA ADMINISTRATIVA E AXUDA AO FINANCIAMENTO

Así, prevense accións encamiñadas a reducir a carga administrativa, a promover "proxectos tractores", mellorar a coordinación cos ministerios que afectan a esta industria e impulsar, xunto a Pymar, "unha estratexia europea común para o futuro do naval europeo".

Con respecto ao financiamento, Núñez Feijóo avanzou unha nova liña de garantías para estaleiros e empresas auxiliares, para apontoar a incursión no sector da eólica mariña, así como potenciación dos préstamos, liñas de financiamento para a renovación da frota pesqueira, ou a creación de fondos de capital risco.

A estratexia tamén contempla accións de cooperación entre estaleiros para que teñan, entre outras vantaxes, acceso conxunto a proxectos de eólica mariña flotante.

INNOVACIÓN, INTERNACIONALIZACIÓN E TALENTO

No ámbito da innovación, prevense "instrumentos financeiros dirixidos a aplicar novas tecnoloxías, optimizar a xestión e promover a descarbonización". A iso súmanse programas de axudas para dixitalización e para facer realidade o "estaleiro 4.0".

Así mesmo, a Xunta contempla accións que profunden na sustentabilidade do sector, promovendo a construción e utilización de barcos propulsados con gas ou 'hidróxeno verde', así como a "reparación sustentable", e a compra pública innovadora.

Finalmente, Alberto Núñez Feijóo explicou que a estratexia inclúe tamén actuacións no marco da internacionalización, para buscar mercados noutros países; así como programas de capacitación profesional para formar e reter talento neste sector, con cursos, accións de reciclaxe, etc.

O presidente galego sinalou que este plan, "longo", ten o foco posto na recuperación e reactivación desta industria, despois duns anos "moi complexos", e insistiu en que se desenvolverá de forma paralela e "ensamblado" co PERTE anunciado polo Goberno central, que prevé a mobilización de 1.460 millóns de euros.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, celebrado en Vigo o 21 de abril de 2022.. Javier Vázquez - Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, celebrado en Vigo o 21 de abril de 2022.. Javier Vázquez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta