Solidariedade galega con Ucraína

Gadis e a súa clientela entregan 125.000 euros de axuda a persoas refuxiadas ucraínas. Abanca entrega 270.000 euros doados por empregados e clientes á Cruz Vermella e a Save the Children. O Concello da Coruña ofrece clases gratuítas de español a refuxiados. Unha gala reunirá a 14 artistas galegos en Ourense en apoio dos refuxiados ucraínos

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/04/2022 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

Gadis e a súa clientela recadaron 125.000 euros na campaña de axuda a Ucraína que a cadea de supermercados puxo en marcha en colaboración con Unicef, segundo informa o grupo de distribución alimentaria.

A Axencia de Nacións Unidas para a Infancia será a encargada de xestionar esta achega que, fundamentalmente, irá destinada a facilitar o acceso a auga potable, medicamentos, equipos médicos, kits de hixiene e apoio psicosocial á infancia máis vulnerable. Coa cantidade económica recadada Unicef pode facilitar auga potable a 328.498 nenos e nenas.

"Grazas aos nosos clientes por demostrar, unha vez máis, a súa gran xenerosidade e sensibilidade. Entre todos, achegamos o noso gran de area para tratar de paliar unha situación de emerxencia, e non sería posible sen o seu apoio", sostén Melisa Pagliaro Fernández, directora de Mercadotecnia e RSC de Gadisa retail.

Recadación de Gadis e a súa clientela para axudar a Ucraína. GADIS
Recadación de Gadis e a súa clientela para axudar a Ucraína. GADIS

ABANCA

Abanca e Afundación tamén fixeron unha primeira entrega a Cruz Vermella e Save the Children en apoio a Ucraína, por importe de 271.487 euros, grazas ás doazóns realizadas por empregados, clientes e outras persoas interesadas en colaborar. Esta campaña solidaria, que comezou o pasado 3 de marzo, recada fondos a través da conta IBAN80 2080 7208 3385 3000 7122, que segue operativa para aqueles que desexen facer achegas.

O director xeral de Responsabilidade Social, Sustentabilidade e Comunicación de Abanca e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, foi o encargado de asinar os acordos de colaboración con Cruz Vermella e Save the Children, que destinarán o importe recibido a diferentes proxectos que están a desenvolver ou van desenvolver a curto prazo para atender as necesidades máis urxentes da poboación afectada pola crise humanitaria, con especial atención á infancia.

Máis aló desta cuestión, o banco e a súa Obra Social colaboran estreitamente desde o inicio da crise coa asociación AGA-Ucraína, a quen cederon unha nave no Polígono de Pocomaco, na Coruña, que se habilitou para o seu uso como centro de operacións e almacén de doazóns. O tres organizacións fretaron conxuntamente catro transportes de axuda humanitaria que conseguiron levar desde A Coruña, Santiago, Ourense e León ata a zona de conflito 92 toneladas de material de primeira necesidade, como medicamentos, roupa de abrigo, alimentos ou produtos de hixiene.

Igualmente, facilítase a AGA-Ucraína apoio na organización do voluntariado e na recepción de refuxiados, de forma que se ofrece un espazo apropiado no caso de ser necesario para acoller no país ás persoas que foxen da guerra. Ademais, a entidade financeira estableceu a gratuidade de todas as transferencias que se realicen a Ucraína desde as contas de Abanca.

CONCELLO DA CORUÑA

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación, puxo en marcha un programa educativo de clases de español para persoas ucraínas de acollida.

Persoas voluntarias colaboran na carga do camión que partiu da nave do Polígono de Pocomaco, na Coruña, co material de axuda a Ucraína. ABANCA
Persoas voluntarias colaboran na carga do camión que partiu da nave do Polígono de Pocomaco, na Coruña, co material de axuda a Ucraína. ABANCA | Fonte: Europa Press

Trátase de tres cursos de clases de español (dous para menores e outro para persoas adultas) que teñen como finalidade promover a integración social das persoas acollidas na cidade.

A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, sinalou que "o descoñecemento do idioma supón unha gran barreira á hora de conseguir unha total integración social". Por iso, segundo informa, o Concello da Coruña impulsa esta formación en competencias lingüísticas, con dous cursos de clases de español que se impartirán desde o 21 de abril ata o 31 de agosto.

GALA EN OURENSE

Catorce artistas galegos forman parte do cartel da gala 'SOS Ucraína', que terá lugar no auditorio de Ourense o próximo 29 de abril a partir das 20,30 horas.

O evento, no que haberá animación e tamén photocall, está organizado polos colectivos Nós, Xente do redor e Cova da Meiga e foi presentado este xoves no Liceo de Ourense.

A entrada solidaria e a fila cero, que se destinará integramente a Cruz Vermella é de 12 euros.

Con todo, non é a única actuación musical na provincia para axudar aos refuxiados ucraínos. No Concello de Carballiño, a propia institución municipal, Cruz Vermella e o establecemento 'Cacho pizza', que celebra o seu 30 aniversario, organizan unha xornada solidaria o próximo 5 de maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta