A galeras, a remar

O poder domestica, e sempre tenta modelar a realidade dacordo a un patrón ideolóxico que sanciona un determinado concepto de cidadán, cliente ou vasallo. Foucault traballou moito este eido da biopolítica e o seu pensamento é decote aplicado para comprender as estratexias de construcción da realidade empregadas por diferentes reximes. Así por exemplo, o Estado feixista de Franco ergueu cunha tremenda coherencia todo un entramado material para reflectir o home da Nova España. Ese varón, patriota, metade monxe, metade soldado, como non cansaban de repetir os responsables da Fronte de Xuventudes na década de 1940. Ese home clasificado nun sistema vertical, xerárquico, corporativista e orgánico. Os “productores” como subalternos. Contra a pantasma da revolución social, da reforma agraria republicana, da España autonómica… o feixismo foi quen de impoñer na cotidianeidade o seu arcaizante modelo social a través dun mecanismo clásico: o monopolio do espazo público, eido exclusivo dos vencedores. Este proceso de patrimonialización deuse ininterrumpidamente durante corenta anos, agochado baixo a parafernalia da xustiza e da paz social.

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 26/06/2014

Comparte esta noticia
Destas cousas vimos de falar nun congreso sobre vivenda obreira en Parla, que coincidiu coa coroación de Felipe VI, outro exemplo sobranceiro de control do espazo público por un rexime, desta volta o da decadente 2ª Restauración borbónica. Existen patrimonios rexeitados. A bandeira da 2ª República española, por exemplo, é negada polo 85 % dos deputados do Parlamento español. Isto ten consecuencias, como, por exemplo, que a Policía identifique e deteña a cidadáns portadores dese símbolo. Unha consecuencia práctica máis dos corenta anos dunha ditadura que controlou o espazo público. Unha nova versión daquela frase definitoria deste modelo de civismo e urbanidade: “La calle es mía”.
 
Estou lendo agora un excelente ensaio do mozo arqueólogo clásico Jesús Bermejo e que se titula “Arqueoloxía biopolítica”. Nesta obra, o autor analisa o concepto de vida doméstica regulado xuridicamente por Roma. En primeiro lugar, o autor lembra o peso do pensamento aristotélico e a súa influencia nos tempos da República romana. Dacordo con Aristóteles, un cidadán é toda aquela persoa que, sobre a base do seu patrimonio (“oikos”) e co requisito da liberdade, está capacitado para exercer un rol na vida pública.
 
O modelo seguido pola clase política española baséase na subalternización da cidadanía e na apropiación sen vergoña do espazo público en función de intereses espúreos. Enormes exemplos son o acontecido en Compostela coas últimas corporacións municipais ou no Madrid e no Burgos do PP. A estratexia parte sempre dunha criminalización dos resistentes, que se vencellan co que faga falla, con ETA, “perroflautas”, extremistas e radicais. Este proceso continúa cun control dos medios de comunicación locias e co emprego de discursos tecnocráticos que manexan conceitos como progreso, racionalización e ordeamento urbanístico. Todo este discurso ideolóxico ampara unha estratrexia de privatización do espazo público. A trapallada é de tales dimensións que deseguida se produce unha reacción deses cidadáns “capacitados para exercer un rol na vida pública”. Velaí está o Cabanyal, o Raval, Gamonal, Galeras, etc… 
 
Voltando a Roma, alí a clase política era obrigada a adoptar unha serie de patróns de conduta moral. Plutarco, na súa célebre pasaxe de Reglas para os políticos (leitura inédita no pazo de Raxoi ou no pazo da Deputación de Ourense, sen irmos máis lonxe), lembraba que os políticos non só eran responsábeis das súas verbas e acción en público. A vida pública, a prática política, a moralidade e o control e vixiancia moral por parte do eleitorado eran os chanzos básicos de calquer carreira política.

Inda hai un chisco de esperanza cando vemos que, grazas a algún xuíz, os políticos que non cumpren son expulsados da gobernanza. Condanados a Galeras, a remar.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA