As leis da 'era Feijóo': do decreto de plurilingüismo ao intento da vacinación obrigatoria

O xa líder do PP estatal deixará a Xunta sen aprobar unha soa norma en todo o que vai de 2022.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2022 | Actualizada ás 12:13

Comparte esta noticia

Un total de 148 normas en 13 anos conforman a produción lexislativa baixo o mandato do xa líder do PP Alberto Núñez Feijóo, que será o primeiro presidente galego en dimitir de forma voluntaria do seu cargo. Farao en breve sen chegar ao ecuador da súa cuarta lexislatura e, desde unha perspectiva cuantitativa, converterase no segundo mandatario que máis textos sacou adiante, só superado por Manuel Fraga con 161 --13 máis--, aínda que é certo que se mantivo dous anos máis no poder.

Feijóo pecha a súa etapa de presidente autonómico con 148 normas aprobadas na Cámara (entre leis e outros textos con rango lexislativo), ningunha delas nos meses que van 2022. As últimas, que datan do 27 de decembro de 2021, son os orzamentos para 2022 e a lei de medidas que os acompañan. Tras o aínda presidente e o seu antecesor á fronte do PPdeG, o que máis leis conseguiu sacar durante o seu mandato foi o socialista Emilio Pérez Touriño, con 54 textos aprobados no VII lexislatura (2005 - 2009), na que compartiu coalición co BNG.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, á súa chegada a unha sesión de control no Parlamento de Galicia, a 23 de febreiro de 2022, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España).. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, á súa chegada a unha sesión de control no Parlamento de Galicia, a 23 de febreiro de 2022, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España).. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

O DECRETO DE PLURLINGÜISMO

Un dos fitos para a Comunidade foi a lei de normalización lingüística de 1983, que entre outros asuntos estableceu o estudo obrigatorio do galego no ensino como materia e que os topónimos teñen como "única forma oficial" a galega.

A lei de normalización trasladouse ás escolas con Fraga e dous decretos do seu Goberno de 1995 e 1997, que fixaron "o mesmo número de horas" para as linguas galega e castelá na docencia. Anos máis tarde, Feijóo impulsou unha das súas promesas electorais máis polémicas e que lle custou as acusacións da oposición de "romper o consenso" lingüístico que se mantiña desde os tempos de Fraga: o decreto para o plurilingüismo no ensino; que, na práctica, reducía o galego ao 30% das materias.

SANIDADE

A primeira lei en materia de saúde foi a de sanidade escolar de 1983, pero non foi ata 1989, con Laxe, cando se aprobaría a lei de creación do Servizo Galego de Saúde (Sergas), reformada na época de Fraga en 1991 para acelerar o traspaso de competencias do Insalud. Tamén dos mandatos do 'león de Vilalba' é a lei de ordenación sanitaria (2003), que estableceu o máximo de 180 días de espera para intervencións cirúrxicas.

En 2008, co bipartito de PSdeG e BNG, aprobouse a actual lei de saúde, modificada nos mandatos de Feijóo en diversas ocasións. En 2017, reformouse o mapa sanitario de Galicia ao pasar de 11 a 7 as áreas sanitarias.

Outra polémica modificación, de febreiro de 2021, tivo a intención de combater a pandemia, segundo argumentaba o Goberno galego e o PPdeG. Entre as medidas, que suscitaron non só protestas de grupos negacionistas --chamábana 'Lei Auschwitz'-- senón tamén as críticas da oposición, atopábanse multas por saltar confinamentos e para persoas que rexeiten vacinarse ou facer probas, pero só no caso de que as autoridades sanitarias establecesen a súa obrigatoriedade. O Goberno chegou a presentar recurso de inconstitucionalidade contra esta norma, que retirou ao chegar a un acordo no que se aclaraba o carácter voluntario da vacinación.

O 'AGASALLO' DAS CAIXAS

En clave económica, os pasos lexislativos de maior calado producíronse por mor da crise financeira do 2008. Feijóo tomou as rendas da Xunta en 2009 e nos seus primeiros anos o Parlamento aprobou baixadas de impostos, por exemplo o IRPF, as sucesións, e a compra de vivenda habitual para mozas e familias numerosas.

Naquela época, seguindo o pacto de estabilidade financeira da Unión Europea e as reformas aprobadas polo Goberno central nos últimos anos de Zapatero e os primeiros de Rajoy, o Executivo de Feijóo lanzou en 2011 e 2012 senllas leis de disciplina orzamentaria. Galicia foi pioneira en fixar por lei os teitos de gasto financeiros.

Tamén neste contexto económico, en 2010 aprobouse unha lei de racionalización do gasto farmacéutico --con votos a favor de PPdeG e BNG-- que deu pé a un catálogo prioritario de medicamentos que foi recorrido por parte do Goberno central. O Tribunal Constitucional avalou a súa legalidade en 2014.

Do primeiro mandato de Feijóo tamén foi a nova lei galega de caixas de aforros aprobada en 2009, que quedaría sen aplicación práctica tras a fusión de Caixa Galicia e Caixanova en 2010 para crear NovaCaixaGalicia, que en 2012 pasou a ser Novagalicia Banco ata a súa compra en 2014 pola venezolana Banesco, que a converteu en Abanca. Precisamente, sobre a fusión das caixas constituíuse no verán de 2012 --hai case unha década-- no Parlamento unha comisión de investigación cuxas conclusións seguen pendentes.

OUTROS FITOS LEXISLATIVOS

Do histórico de leis autonómicas tamén cabe lembrar que en 1992 Fraga reformou a lexislación electoral para subir do 3% ao 5% o limiar de votos que debe conseguir unha candidatura nunha circunscrición para entrar no Parlamento e para facer inelexibles a outros cargos públicos como, por exemplo, alcaldes. 

En materia de igualdade de xénero, baixo o mandato de Touriño a Cámara sacou adiante a lei galega contra a violencia machista de 2007, que foi reformada ata tres veces con Feijóo xa na Xunta. A primeira modificación, de 2016, reforzou as axudas ás mulleres vítimas. As dúas restantes son do 2021: unha primeira proposta polo BNG para introducir a violencia vicaria e a segunda, do PP, para previr condutas como o ciberacoso, o 'grooming' e a sextorsión.

Con respecto ao territorio, sentaron bases as leis de ordenación do territorio de 1995 e do chan de 2002, reformadas sucesivamente ata ser substituídas nos últimos polas normas actualmente en vigor. Un fito en materia de protección do territorio produciuse baixo o mandato de Touriño, cando se restrinxiu a construción no litoral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta