Tamén hai xuventude verde

Achégase o verán, aínda que algúns viven nun inverno continuado (polo menos a nivel político). Aqueles partidos que propoñemos alternativas traballadas e sólidas para sacar a Europa, España e as diversas autonomías e municipios do seu letargo debemos estar, por tanto, moi orgullosos, pois os cidadáns deron un golpe sobre a mesa. Conseguiremos estar á altura, traballar seria e xustamente estas novas responsabilidades e facer en consecuencia que os cidadáns confíen cada vez máis en nós? Capacidade temos, dende logo.

Por Roberto Carro Vázquez | A Coruña | 25/06/2014

Comparte esta noticia
Dende EQUO Galicia e a Rede EQUO Xove cremos que si. Por iso, e como partido verde de España e da comunidade, está nas nosas mans traballar por unha Galicia onde a ecoloxía política se alce como modelo a ter en conta. A ecoloxía política defínese como unha corrente política ecoloxista que cuestiona o constante crecemento e produtivismo, difícil de encaixar e identificar cos conceptos clásicos de esquerda ou dereita e que se fundamenta na defensa dos Dereitos Humanos e na democracia participativa en lugar de representativa. Así, postúlase como unha alternativa política que reúne a meirande parte das demandas da sociedade actual (polo menos da maioría) e que non é só medio ambiente, senón que integra o medio ambiente de maneira transversal nos demais campos nos que a política debe tomar partido. É dicir, o medio ambiente non é unha cuestión a tratar de forma separada, senón no seo da educación, sanidade, actividade industrial, construción… 
 
Así, a ecoloxía política faise alternativa real e necesaria pois, como dixo o recén elixido eurodeputado de EQUO Florent Marcellesi, a crise actual non é só política e social, senón ecolóxica, e temos que atallala. Non hai planeta B ao que recorrer, e a situación é alarmante. Diversos diarios de grande alcance publican novas semanalmente acerca da enorme incidencia de problemas de índole ambiental como o cambio climático, de consecuencias do mesmo que xa non poderemos evitar e de que é necesario cambiar a tendencia. Dende a Rede EQUO Xove engadimos que é necesario, tanto por nós como polo planeta en si mesmo.
 
Por tanto, parece sinxelo deducir que nós sempre defenderemos a loita efectiva fronte a esas tres crises interrelacionadas (política, social e ecolóxica) en Galicia. Neste eido, podemos poñer o exemplo de Corcoesto, que comportaba crear uns poucos postos de traballo que acabarían desaparecendo a cambio de esnaquizar o noso entorno e contaminalo, poñendo en perigo á xente, e con intereses políticos de por medio. Aquí a cidadanía dixo “non” de maneira contundente, houbo mobilizacións, participación masiva… e conseguiuse moito. Debido á repercusión mediática deste feito, pouco a pouco comezaron a saír máis e máis datos das diversas irregularidades dun proxecto abominable ecoloxicamente falando. A última nova foi que o director do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), Javier Aguilera, avalou o proxecto e axudou a convencer a inversores sen coñecer nin como se desenvolvería o mesmo. Que relación máis curiosa de intereses privados e certos cargos… (crise política), desprezando os intereses expresados pola cidadanía de cara ao coidado e mantemento do entorno natural (crise ecolóxica). Como este exemplo aquí moi brevemente desenvolvido hai moitos (a autoestrada A-76 a través da Ribeira Sacra…).
 
Así, maniféstase a necesidade dunha alternativa verde forte en Galicia (actuando a todos os niveis). Nós, dende a nosa capacidade de actuación, trataremos de defender este espazo no terreo político e xunto aos cidadáns (algo nada incompatible, senón todo o contrario), e dunha maneira sempre aberta para que calquera que así o desexe nos bote unha man. Somos unha alternativa real neste panorama político e agardamos por vós para perfilar unha simbiose na que ambos aprendamos e coa cal melloremos. Galicia meréceo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Roberto Carro Vázquez Nacín en A Coruña en 1992. Estou a finalizar o último curso do Grao en Biotecnoloxía na Universidade de León. Atópome a cabalo entre estas dúas cidades. Son membro da Rede EQUO Xove Galicia (organización política xuvenil que ten como referente a EQUO Galicia) dende setembro do 2013, e é a opinión desta organización a que aquí traslado. Ademais, colaboro en diversas tarefas de EQUO Galicia dende comezos de 2014. Ecoloxía política, dereitos humanos e democracia participativa como piares. O futuro é verde. @RQX_Galicia