Temas: ROUBO FERROL

Rouban as xoias da Virxe do Nordés na capela ferrolá de Chamorro, valoradas nuns 3.000 euros

Ocorreu na noite do 21 ao 22 de abril.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 25/04/2022 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional da Comisaria de Ferrol-Narón manteñen aberta unha investigación para tratar de localizar as xoias, sobre todo cadeas e aneis, que lle foron roubadas na noite do pasado xoves ao venres, do 21 ao 22 de abril, á Virxe do Nordés, que se venera na capela de Chamorro, na parroquia ferrolá de Serantes.

Capela da Virxe do Nordés en Chamorro, Ferrol
Capela da Virxe do Nordés en Chamorro, Ferrol | Fonte: Turismo de Galicia.

Segundo trasladou unha das propietarias desta capela, Araceli Arias, xa que se trata dun lugar de culto privado, o roubo foi descuberto "a primeira hora da mañá do venres e os ladróns non forzaron ningunha porta para poder acceder á ermida".

Por iso, estímase que "quedaron no interior na tarde do xoves e, posteriormente, saíron por unha das portas, xa que un das travesas apareceu apoiada sobre a parede".

Tras presentar a denuncia ante os axentes policiais, "estes estimaron que en total, tras ver fotos, que tanto as cadeas como os aneis poden ter un peso aproximado aos 100 gramos e que o gramo de ouro está a día de hoxe a 30 euros", polo que valor económico do subtraído situaríase nos 3.000 euros.

Segundo destacaron as xoias que portaba a Virxe do Nordés "son todas de ouro e proveñen de doazóns", en moitas ocasións de persoas xa falecidas "que pedían ás súas familias que foron portadas pola virxe tras a súa morte, doándoas desta maneira, sobre todo alianzas, que se colocaban sobre as cadeas".

Hai tan só uns días, o pasado 18 de abril, Luns de Pascua, festivo local en Ferrol, a Virxe do Nordés, á que hai unha gran devoción na comarca de Ferrolterra, saíu en procesión polas inmediacións da capela, tras dous anos sen celebrarse este acto a consecuencia da pandemia sanitaria.

Temas: ROUBO FERROL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta