Ningún dos cinco concelleiros da Marea Atlántica concorrerá nas eleccións de 2023

Abrirase agora un proceso no seo da formación para renovar a estrutura da organización.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2022 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

Ningún dos cinco concelleiros e concelleiras da Marea Atlántica optará ás eleccións municipais de 2023, segundo ratificaron a Europa Press fontes da formación, que iniciará agora un proceso para elixir as novas persoas candidatas. 

Respecto diso, precisaron que, ao termo deste mandato municipal, tanto o actual grupo como a Coordinadora da organización "apostan por unha renovación radical do seu equipo, que deixe paso a persoas novas, con enerxía e ideas, e comprometidas co municipalismo e coa Marea Atlántica, para afrontar o momento actual".

"Á Marea Atlántica quédalle moito percorrido por diante", apuntan, citando o obxectivo de "estar ao servizo da veciñanza e facer da Coruña unha cidade xusta, verde, feminista e democrática, unha cidade mellor para vivir". Deste xeito, a portavoz da Marea Atlántica, María García, non repetirá na lista electoral do próximo ano, aínda que seguirá traballando á fronte do grupo municipal ata esgotar o período actual. O mesmo farán Iago Martínez, Silvia Cameán, Alberto Lema e Claudia Delso.

Con esta decisión, apuntan desde a Marea Atlántica, "respéctase" a limitación que mantén no seu código ético de que ningunha persoa debería exercer a representación política durante máis de dous mandatos. Esta limitación afecta a catro dos seus cinco representantes no Concello da Coruña xa que Iago Martínez non foi concelleiro no mandato anterior, pero si formou parte do equipo de goberno como xefe de Gabinete do exalcalde Xulio Ferreiro.

Agora a Marea Atlántica abrirá proximamente a súa Marea Viva, "esta semana", apuntaron fontes consultadas por Europa Press. Trátase do seu máximo órgano de toma de decisións para, entre outras cuestións, renovar o regulamento e a estrutura da organización cara as próximas eleccións municipais.

As concelleiras de Marea Atlántica María García e Silvia Cameán nunha rolda de prensa sobre dependencia. SANDRA GARCIA REI
As concelleiras de Marea Atlántica María García e Silvia Cameán nunha rolda de prensa sobre dependencia. SANDRA GARCIA REI | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 x2tD

Entón comeza a conta atrás para que A. Lema regrese ao BNG.