Catro producións audiovisuais galegas poderán xerar un impacto económico en Galicia de 15 millóns de euros

A película '13 Exorcismos' e as series 'Rapa', 'Argonautas' e 'Ata o ceo' recibiron 1,3 millóns de euros do Hub Audiovisual para atraer rodaxes a Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2022 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

A película '13 Exorcismos' (Bambú Producións) e as series 'Rapa', 'Argonautas' (Portocabo) e 'Ata o ceo' (Vaca Films), as catro primeiras producións subvencionadas con 1,3 millóns de euros polo Hub Audiovisual da Xunta para atraer rodaxes a Galicia, terán un impacto económico total en Galicia de máis de 15 millóns.

É un dos primeiros datos que arroxa un estudo elaborado por dous grupos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o cal foi presentado este luns nun acto na Cidade da Cultura polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Neste acto tamén interviñeron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, os directores executivos de Vaca Films e Portocabo, Emma Lustres e Alfonso Branco. Ademais, estiveron presentes María Bastida e Miguel Vázquez Taín, profesores da Facultade de Económicas e integrantes do grupo de investigación encargado do estudo.

Este catro producións percibiron un total de 1,3 millóns de euros a través do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual posto en marcha en setembro de 2021 e que, tal e como anunciou o conselleiro, terá continuidade este mesmo ano cunha segunda convocatoria con 2 millóns de euros que este martes sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Á parte dos 15 millóns de impacto económico, o primeiro balance do estudo arroxa tamén que a capacidade de emprego deste catro rodaxes sitúase nas 230.

O IMPACTO REAL SERÁ "SUPERIOR"

En todo caso, Rodríguez puntualizou que esta previsión é anterior á propia emisión da película e das series, polo que se espera que "o efecto multiplicador será, evidentemente, superior". De feito, os primeiros cálculos obtéñense extrapolando os custos reais de 'Rapa', primeiro proxecto xa finalizado, sen ter en conta outros posibles efectos.

O impacto total de 'Rapa' --Portocabo e Movistar-- supera os 5,6 millóns de euros a partir dunha subvención pública de 300.000, a mesma contía adxudicada que 'Ata o ceo' --Vaca Films e Netflix--, cun retorno de máis de 4,7 millóns. Pola súa banda, as axudas concedidas a 'Argonautas' --Portocabo e TVE-- e '13 Exorcismos' --Bambú Producións e Atresmedia-- sitúanse nos 350.000 euros en cada caso, cun impacto superior aos 2,6 e 2,3 millóns, respectivamente.

Este traballo de investigación é froito da colaboración entre dous equipos da propia USC: o Grupo de análise e modelización económico (GAME) e o de persoas, organizacións sustentables e mercadotecnia (Posmark), baixo dirección de Melchor Fernández e Jesús Pereira.

RODAR EN GALICIA, "APOSTA GAÑADORA"

En definitiva, o conselleiro de Cultura destacou "a importancia económica" da produción cultural na Comunidade, máis aló da "transcendencia da autoestima e do orgullo" que supón "ter unhas empresas e unhas produtoras que con capital galego son capaces de competir nun mundo tan complexo e dinámico como o audiovisual".

Así, Rodríguez agradeceu a Vaca Films, a Bambú Producións e a Portocabo que escollesen Galicia para gravar e animoulles a volver facelo: "É unha aposta gañadora".

AS AXUDAS: UN "PULO"

Durante o acto, a directora executiva de Vaca Films, Emma Lustres, instou a outras empresas compañeiras do sector a acudir á Comunidade a rodar, para o que os fondos da Xunta supuxeron "un pulo".

E é que, segundo as súas palabras, iniciativas como o Hub son "necesarias" para que os produtores galegos sexan "algo máis competitivos" fronte aos doutras partes do Estado como País Vasco, Navarra e as Illas Canarias, onde "existen incentivos fiscais".

"Temos que facer que os nosos produtos sexan o máis rendibles posibles, por iso ás veces rodamos fóra", recoñeceu, tras o cal agradeceu este "aliciente" económico a quedar en Galicia. Ademais, segundo Lustres, en torno ao 70 por cento do orzamento de 'Ata o ceo' foi para "contratar de forma directa a persoal" e xerar "emprego de moita calidade".

Pola súa banda, o director executivo de Portocabo, Alfonso Branco, destacou "este paso dado" pola Xunta co hub audiovisual para así "eliminar" ese agravio de competitividade. Sobre a serie 'Rapa', preferiu non avanzar case nada porque "en poucos días" será a súa presentación.

O director de Agadic, Jacobo Sutil, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os directores executivos de Vaca Films e Portocabo, Emma Lustres e Alfonso Branco, respectivamente.. XUNTA
O director de Agadic, Jacobo Sutil, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os directores executivos de Vaca Films e Portocabo, Emma Lustres e Alfonso Branco, respectivamente.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta