A lei do ciclo da auga sae adiante cos votos do PP: subirá o prezo deste ben básico?

A norma foi cuestionada polo BNG, que a alcumou de 'Lei do sablazo da auga' apuntando a unha suba das taxas que rematarían por afectar ao común da poboación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2022 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A maioría absoluta do PPdeG na Cámara galega salvou as trabas que a oposición puxo á tramitación da Lei do ciclo da auga, que foi presentada pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nun duro debate no que non faltaron as "navalladas" verbais con referencias ao Congreso da sucesión do PPdeG.

Así, aproveitando que por parte dos populares foi o deputado e presidente provincial da Coruña, Diego Calvo, a voz de defensa da normativa, o deputado do Bloque Luís Bará ironizou con que "constaba un aumento de demanda" en Taramundi, sen poder aclarar, engadiu, se viñan esas peticións da Coruña ou Ourense.

Tamén fixo referencia a un eventual cambio nas cadeiras de brazos "azuis" --as do goberno-- na Cámara, bancada na que este martes non estiveron o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nin o vicepresidente primeiro e futuro sucesor, Alfonso Rueda, ambos con axenda pública en Santiago (no primeiro dos casos) e en Sarria (co Rei, no segundo).

"O partido da navallada",dixera, previamente, Diego Calvo, en referencia ao BNG, ao que tamén acusou de ser o "partido do non" e que se "opón a todo" de partida. Mentres, a deputada do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo acusou á titular do departamento autonómico, que renunciou a intervir nunha segunda quenda, de acudir ao hemiciclo sempre "coa machada na man" en lugar de con "man tendida" e instouno a "cambiar o ton" no futuro.

Á marxe deste intercambio, os grupos da oposición critican unha falta de "colaboración" cos concellos ou o que suporá, denuncian, unha subida das taxas vinculadas á depuración. "Están a tempo de rectificar; cando rectifican, acertan", instou Luís Bará.

UNHA LEI EN CUESTIÓN

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidae, Ethel Vázquez. XUNTA
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidae, Ethel Vázquez. XUNTA

En canto ao contido da lei, a conselleira de Infraestruturas reivindicou que a norma "fomenta a xestión profesional da auga", porque, engadiu, non basta con ter infraestruturas, senón que hai que empregalas de forma adecuada. Así, ofrecerase aos técnicos municipais un programa de formación periódica en materia e directrices que servirán de guía para a xestión eficiente. Ethel Vázquez tamén defendeu que a lei posibilita, ademais das 28 depuradoras xestionadas pola Xunta, que todos os concellos que queiran poidan solicitar de modo voluntario a xestión e axuda autonómica.

Ethel Vázquez tamén defendeu a "transparencia", que recolleu parte das alegacións que se presentaron, unha actuación que tamén defendeu Diego Calvo na súa intervención, na que chocou coa deputada socialista polos investimentos en infraestruturas entre concellos socialistas e populares. A deputada do PSdeG tamén sacou a sentenza que condena á Xunta a pagar 4 millóns de euros polos atrasos na depuración en Vigo e Ribeira e do que tentou "culpar" aos concellos.

A conselleira de Infraestruturas afirmou que se a Xunta asume a xestión dun servizo municipal da auga, aplicará tarifas "claras e igualitarias" aos concellos, que serán "os que emitan o recibo e decidan os conceptos que se inclúan", pero o deputado do BNG asegurou que non se trata dunha simple "reordenación" de conceptos e que "non puido escoller peor momento para dar a puñalada por detrás" aos cidadáns. En particular, o BNG vén defendendo que a norma aumentará o prezo deste servizo nun momento de especial debilidade económica. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta