Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2022 | Actualizada ás 14:07
CIG, CCOO e UGT convocaron folga no sector do metal na provincia da Coruña para o mes de maio, en concreto os días 5, 12, 18 e 19, pola negociación do convenio colectivo. Así o expuxeron os seus representantes sindicais tras facer entrega da convocatoria, na Delegación Territorial da Xunta na Coruña, e en relación a unha situación que afecta a máis de 16.000 traballadores.
En concreto, José Hurtado, de CCOO Industria de Galicia, reprochou á patronal "non tentar negociar" un convenio para o que comezaron as reunións en outubro de 2019 e que quedou paralizado pola pandemia. Tras retomalo fai algo máis dun ano, indicou que a patronal "pretende que o traballador teña unha perda do poder adquisitivo", que cifrou no 13%. A iso, sumou demandas sindicais como a subrogación de traballadores.
Pola súa banda, Xoán Xosé Bouzas, de CIG-Industria, incidiu en que se trata dunha convocatoria conxunta ante a "irresponsabilidade da patronal" e asegurou que o que buscan é garantir que se afronte "a situación do aumento da carestía da vida". "Non pode ser pór un convenio a seis anos sen garantía de revisión salarial", recalcou en liña co exposto tamén por Javier Carreiro, de UGT-Galicia, quen coincidiu na "inmobilidade" dos empresarios. "Hai que buscar unha solución razoable", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.