O profesorado de música ve con "estupor" o novo currículo da Lomloe en Galicia

Denuncia que non se contempla ningunha materia de temática musical no Bacharelato agás nunha modalidade pouco ofertada. "É esta educación un luxo ou é un dereito para todo o alumnado?", pregúntase.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2022 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

Profesorado de música da Educación Secundaria e Bacharelato vén de sumarse ás críticas expresadas por profesionais doutros ámbitos ante os novos currículos educativos derivados da aplicación da LOMLOE.

Arquivo - Un neno con máscara nunha aula dun colexio. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Un neno con máscara nunha aula dun colexio. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo

"Vemos con estupor que na proposta curricular de Galicia non se contempla ningunha materia de temática musical, nin sequera con carácter optativo, en ningunha modalidade de Bacharelato agás na de Artes pola Vía de Música e Artes Escénicas, que se oferta en moi poucos centros de Galicia", expón a Asociación de Profesores de Música de Secundaria de Galicia nun comunicado remitido aos medios.

Dende a asociación denuncian que, por norma, a educación artística xa ten pouca presenza na Educación Primaria e na ESO e rexeitan que agora tamén vaia desaparecer do Bacharelato. "O 95% do alumnado non terá apenas formación musical, que se relegará unicamente para o 5% que asiste a Escolas de Música e Conservatorios. É a educación musical un luxo ou é un dereito para todo o alumnado?", pregúntanse.

O profesorado de música pon en valor as materias vinculadas ao ámbito e esixe oportunidades para "preparar a xuventude para o mundo actual, onde o traballo colaborativo, a educación emocional, o uso da tecnoloxía e a creatividade son aspectos fundamentais". "Se o alumnado non conta con formación artística de base, que vai pasar nun futuro co tecido cultural de todo o país?", inciden dende a asociación, que urxen rectificar estes currículos. "A administración aínda está a tempo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta