Ofensiva contra a "manipulación" de El Mundo

O mundo da cultura en Galicia estase a movilizar para dar resposta a un artigo publicado hoxe por El Mundo e que asegura que o himno galego, aceptado por todos os partidos, "insulta" aos que non saben falar este idioma. Escritores, artistas, actores e xornalistas, entre outros, preparan un manifesto para respostar ao que consideran unha "manipulación". A noticia do diario madrileño rebautiza, ademáis, a Pondal como Gustavo en vez de Eduardo, auténtico nome de quen escribiu o poema 'Os Pinos'.

Por Galicia Confidencial | Galicia | 20/08/2007 | Actualizada ás 21:16

Comparte esta noticia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 44 comentarios

4 gaius

Si ho si.... xa se ve o escoria que é, de seguro que tu lle das mil voltas como literato.

3 Juan Español

[eliminado]

2 Méndez Ferrín

Que din os rumorosos?

X.L. MÉNDEZ FERRÍN Diciamos na pasada Segunda Feira que a X.C. Caneiro, meu amigo e brillante novelista, a letra do Himno Galego lle parece de baixa calidade poética en canto que Bieito Iglesias, non menos aprezado e excelente autor, encontra dita letra ben porque só poden comprender o seu significado os especialistas en literatura simbolista.
Como é consabido a letra do Himno está tomada do poema que Eduardo Pondal titulou Os Pinos. Poema que podería situarse historicamente na sensibilidade literaria máis innovadora da segunda metade do século XIX. En termos de literatura comparada limita, non con calquera dos patetismos contemporáneos da Península Ibérica, senón co clasicismo das Ode Barbare (1877) de Giosuè Carducci ou cos Poèmes Barbares (1862) de Leconte de Lisle, como xa indicara Otero. Co italiano, garibaldino e tricolore, teñen en común Pondal e Os Pinos a vontade de intervención nacional-popular unida ao purismo perfeccionista. Vaguedade, incluso autoproclamada, fusión coa natureza, atemporalidade, enunciación modulada en espacios referenciais de caracter suprarreal, son notas que, postos a escribir á presa, caracterizan, na onda do parnasianista francés, Os Pinos. Poema este que, ao contrario do que Caneiro opina, eu reputo belísimo alén de nacionalista como corresponde ao xénero e á situación colonial do contexto dentro da que funciona.
Carto, o poema iníciase cunha longa pregunta que a voz autorial lle fai aos pinos ("os rumorosos", emblema nacional no discurso do Bardo) para que eles declaren os contidos do seu diálogo co resplendor luar. O resto do poema é vindicativo e convoca á abolición da Colonia e á instauración da Nazón de Breogán, que hogano se encontra sumida no soño da servidume. A partir de aí, a despeito do que pensa Bieito Iglesias, sucédense unha serie de clarísimos signos de adversidade (Seamus Heaney, irlandés) que a voa dos rumorosos chama a superar mediante o combate heroico. Todo se fai comprensíbel e todo o mundo, salvando os férridos (lectura de Ferreiro) e duros e mailos imbéciles e os escuros, entenden o que Os Pinos queren decer, incluída a serie nazón, eidos, fogar, grei, armas de Breogán. Tanto se comprende a letra do Himno que o número de persoas chamadas Breogán non deixa de crecer na Nazón Incesante. E logo están as nais galegas que instruirán os fillos para o combate- ao modo espartano.
E a Lusitania espera o abrazo estratéxico dos galegos. A loita será dura e culminará en victoria. Ditas coas miñas pobres palabras, as nocións fanse politicamente convencionais. Coas verbas pondalianas, na liña de Carducci risorgente e na dun Leconte de Lisle que fora furierista e radical, a voz poética vaticina aluarada e as palabras levitan nunha atmósfera de mito futurista e potencia conminativa que pode facer estremecer unha multitude se, naturalmente, está constituída de subxectividades con conciencia de subalternidade e de dependencia colectiva. Tamén me semella normal que aqueles que descoñezan a pulsión de Libertade non acaben de entender que é o que diaño están sempre a decer os rumorosos.

http://www.farodevigo.es/secciones/...

1 Méndez Ferrín

Contra o Himno Galego


Hai xornalistas dedicados a converter en cómica a vindicación nacional de Galicia | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
X.L. MÉNDEZ FERRÍN Á Presidente do Parlamentiño e á Mesa que a asiste parece que non lles chista o Himno Galego de Pascual Veiga e Eduardo Pondal, por iso ordenan a antroidada de facelo soar en plan "Café de Chinitas" na inauguración da lexislatura ou o que sexan as sesións que se procesan na antiga Escola de Veterinaria do Hórreo. Nantronte lin a X.C. Caneiro e coñezo que, para o autor de Verín, a letra do Himno Galego é detestábel como poema. Tamén é verdade que nese mesmo día vin, que na opinión de Bieito Iglesias, o poema Os Pinos de Pondal que lle dá as palabras ao Himno constitúe a mellor de todas as letras posibeis porque só a poden entender os críticos especialistas en lírica simbolista. É corrente ouvir falar por aí contra os nosos símbolos nacionais, mormente á medida en que o cardume madrileño se fai mesto, toldado e ameazante contra todo nacionalismo que non sexa o español. Característica do colonizado é mimar, case sempre con resultados ridículos, as maneiras do colonizador. As raparigas africanas con sosténs impostos polo misioneiro a lles cubrir os peitos e o régulo antropófago toucado con chapeo de copa sempre foron considerados, senón o retrato, si a triste caricatura do colonizado. Este fai usualmente ostentación da súa subalternidade e o primeiro que o Amo lle esixe é que careza de símbolos abstractos que excedan a condición tribal. Entre nosoutros: empanada e polbo si; Himno Nacional non. Hai xornalistas dedicados todo o tempo a converter en cómica a vindicación nacional de Galicia. Estes son os "bufóns d´El Rei" cuxa misión non é outra ca a de facer rir o Amo. Outros columnistas, con aspecto demacrado de náufragos nas praias finistérricas dos xornais de Galicia, imitan aquilo que nunca serán, ou sexa asinantes de textos nas páxinas metropolitanas de El Mundo ou El País. Son lúgubres, malencónicos e están doídos. Soen usar da ironía ou do sarcasmo para asemellarse cos seus modelos superiores en canto se afanan en tratar unha e outra vez das "miserias" do nacionalismo incesante. Agora, aqueles que marcan en Madrid a axenda dos media, decidiron que toca tratar da letra da Marcha Madrid. Pois ben, pillando bola, o columnista colonizado aproveita para poñer a feder o Himno Galego, naturalmente esperando o aplauso do Amo e a acollida na Casa Grande do Pensamento Hexemónico. Os máis biliares, con moito, parecen ser os que proceden da esquerda e do nacionalismo, o cal, como facía Vicente Risco, consideran pecados de xuventude. E estes mesmos son os máis contumaces en recorrer á imitación do pésimo columnista metropolitano e en insistir no tema monográfico da ruptura de España adobiando o gorigori monorcorde coa burla de todo o que en Galicia é alto, non español, nobre, soberbio: poño por caso a poesía de Eduardo Pondal. E ben, se queren tratar do Himno, trataremos do Himno. De momento non porque xa esgotei o espazo que este xornal xenerosamente me concede: "O fel de ter que vivir/ entre badulaques tantos...": por Celso Emilio Ferreiro.

http://www.farodevigo.es/secciones/...