Pechar os manicomios

Escoitar na boca da dereita neoliberal –privatizadora a esgalla dos servizos públicos - consignas progresistas, é un esperpento. “Pecharemos os manicomios!”, proclaman dende a Consellería de Sanidade, satisfeitos por coroar un vello obxectivo dos movementos sociais e profesionais máis comprometidos cos enfermos mentais. Décadas porfiando por pechar os frenopáticos, mais non simbolicamente. Compría rematar co manicomial, acadar a desinstitucionalización: sacar do hospital, xerar estruturas comunitarias e superar a dependencia institucional do doente (F. Rotelli). Ergo, dotar de novas ubicacións, de redes complexas de servizos e axuda para unha cidadanía con plenos dereitos. E engadiríase: ofrecer unha atención integral -médica, psicoterapéutica, social e laboral- avalada por evidencias científicas. Pechar os manicomios non significa só clausurar un espazo físico –que teima a da dereita co ladrillo!-. É diso realmente do que falan na Consellería? A dúbida xustifícase por canto o goberno de Núñez Feixóo está inzado de bocaláns, mestres da impostura e da propaganda.

Por Alberte X. Araúxo | Compostela | 04/07/2014

Comparte esta noticia
Un dos logros do movemento antimanicomial dos 70, foi gañar dereitos para os enfermos mentais e reducir o seu número nos nosocomios (B. Saraceno). O controvertido movemento antipsiquiátrico tivo moi intensas luces e sombras. Cómpre recoñecerlle o desmantelamento ideolóxico xustificador do manicomio, a clausura de moitos deles, a redución de prácticas vexatorias cos doentes, e máis a orientación da “reforma psiquiátrica”, con novas formas de organización -extramanicomial e comunitaria-. Outros efectos non foron tan positivos, mais non é lugar nen momento. Apuntar, nese senso, que nalgúns lugares a desinstitucionalización supuxo pasar do abandono manicomial ao extramanicomial, ao non se desenvolver unha alternativa válida (caso dalgunhas rexións italianas e dos EUA). Na Galiza non se pecharon os manicomios como en Italia, iniciándose daquela, iso si, un proceso de reforma modesto, mais significativo. No Hospital Psiquiátrico de Conxo, na década dos setenta, o número de internos reducíuse á metade, consecuencia dunha nova xestión do manicomio –dependente xa da Deputación Provincial-, cun aumento dos profesionais e cun novo modelo e atención -sectorización e externalización-, seguindo correntes avanzadas da época. Mais naqueles anos foron expulsados do manicomio os xefes clínicos, residentes e traballadores sociais que mantiñan unha liña claramente antipsiquiátrica e reformadora: a súa influencia esgotouse no proceso inicial de cambio. Eran tempos de desistitucionalización en toda Europa, América do Norte, Australia e mesmo Latinoamérica, apostando por recursos comunitarios. Sen dúbida os novos e máis eficaces tratamentos psicofarmacolóxicos e psicoterapéuticos, a universalización e mellora da atención sanitaria, os movementos pro dereitos civís, xunto cos cambios sociais e ideolóxicos -cun reflexo lexislativo-, facilitaron este proceso. Hoxe en día dáse unha progresiva clausura de hospitais psiquiátricos no estado español (con comunidades xa sen eles), se ben aínda compútanse un bó número -públicos e privados-. Na Galiza lévase tempo co proceso. Recentemente deixaron de funcionar o Hospital Psiquiátrico de Toén e o do Castro, manténdose Rebullón e Conxo, cun pequeno número de pacientes. Esto debería supor o desenvolvemento de novas estratexias de atención para os doentes máis graves, para os que os programas de rehabilitación, e outros tratamentos, non foron capaces de revertir suficientemente o dano, os síntomas, o seu handicap, compríndolles unha atención de maior alcance. Os enfermos con trastorno mental grave –fundamentalmente esquizofrénicos, principais usuarios destes dispositivos xunto co retraso mental-, sufren un dano, dano que conleva unha defectualización, da que se derivará unha minusvalía. Moitos deles con limitacións onerosas para desenvolver a súa vida e que, nos casos máis graves, precisarán dunha atención específica e continuada -son só estes os que ocupaban e ocupan os manicomios, pois a maior parte non están hospitalizados-. Cómpre sacalos da institución manicomial por inaxeitada, mais ca obriga de darlles unha alternativa asistencial garante do seu benestar, minimizadora do defecto e da minusvalía. Non facelo sería condealos á soedade, sufrimento, abandono e morte temperá. Está iso a acontecer? Velaí o miolo do problema.
 
Deseñou a Consellería de Sanidade un plan con recursos, dispositivos e programas para unha atención axeitada aos doentes desistitucionalizados, e aos candidatos a selo nun futuro (porque os “novos crónicos”, segundo a OMS, van en aumento)?. Fixo a Consellería unha previsión de necesidades? Non. A Consellería ten un obxectivo, non un plan de saúde mental. Neste tema concorda ca súa política de reducir á mínima expresión o sistema público de saúde. Pecha recursos, mais non dá alternativas centradas no doente. Para os xa institucionalizados, e suponse que para os “novos” pacientes graves, optan por: transinstitucionalizar, derivándoos a residencias de anciáns ou sanatorios psiquiátricos privados; neoinstitucionalizar en pensións ou centros monográficos sen recursos acaídos; e mesmo veteroinstitucionalizar, coas familias a exerceren de coidadoras. Tamén están a favorecer o ingreso en centros de asociacións de familiares, financiados con fondos públicos - estratexia moi deste goberno, que apunta a un futuro preocupante, cando troquen asociacións por empresas privadas “amigas”-. En todo caso, non se están a desenvolver os recursos máis acaídos: residencias/fogares tanto específicos como con soporte especializado; equipos de continuidade de coidados; pisos de transición e titorizados; programas de titorización e xestión individualizada; programas de rehabilitación extra e intrahospitalarios en cada área; xunto cunha axeitada coordenación dos recursos asistenciais, residenciais, rehabilitadores e de integración social e laboral. Na Galiza, cunha precariedade extrema en servizos sociais comunitarios, facer descansar neles a atención destes pacientes, e mesmo negarlles os recursos económicos aos que terían dereito por lei -sucede cun gran número de casos-, non vai na liña de ofrecer o soporte que evite o seu abandono extramuros do manicomio. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberte X. Araúxo Vilar Alberte X. Araúxo Vilar (Pontevedra, 1961) Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Psiquiatría polo Hospital Clínic i Universitari de Barcelona. Foi profesor de Psicopatoloxía na Universitat Autònoma de Barcelona. Actualmente realiza a actividade asistencial no Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, onde tamén imparte docencia universitaria en Clínica Psiquiátrica como Profesor Asociado de Ciencias da Saúde da USC. Autor de numerosos capítulos de libros y publicacións en revistas especializadas, no campo da psiquiatría e a saúde mental. Membro da Coordenadora Nacional do Movemento Galego da Saúde Mental.