A gripe, como a Covid, tamén provoca mortes en Galicia

Aumentan a catro as persoas falecidas por gripe en Galicia na tempada actual, que acumula 363 ingresos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2022 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

As persoas falecidas por gripe en Galicia aumentan a catro, que supón unha máis que a semana pasada, no que vai de tempada, mentres que as ingresadas por este virus aumentan a 363 --supoñen 35 máis--, delas 18 foron hospitalizadas na última semana.

Así consta no sexto informe 'Vixilancia da gripe en Galicia' publicado este xoves polo Sergas, recollido por Europa Press, no que se indica que desde o principio da tempada actual, "só en sete casos necesitouse ingreso na UCI" e das 13 persoas que faleceron co virus, considérase que catro morreron por gripe.

No documento indícase que desde o principio da tempada ata a semana 16 --que terminou o 24 de abril-- notificáronse 363 ingresos con gripe confirmada, dos que 18 ingresaron na última semana.

En canto aos rexistros de gripe en Atención Primaria, o informe do Sergas reflicte "un novo descenso na razón entre o número de médicos que as rexistraron", polo que nesa semana que terminou o 24 de abril a tendencia da actividade gripal "segue decreciente no nivel baixo de intensidade".

A pesar diso, destaca o Sergas que a taxa de consultas no conxunto de Galicia "creceu lixeiramente" con respecto á semana 15, con 12 casos por 100.000 habitantes fronte aos 10 da semana anterior, debido a que, matiza, "nesta houbo menos días laborais pola Semana Santa". "Este lixeiro aumento observouse en todas as provincias", abunda.

TIPO A

No referido a a vixilancia microbiolóxica, a positividade das mostras estudadas para o virus tipo A descendeu ao 1,7 por cento e o predominante durante a tempada "é o tipo A", ao que corresponde "practicamente a totalidade dos diagnósticos".

Dos que foron subtipados, puntualízase no documento, "todos son do subtipo A (H3N2), que, lembra o Sergas, "non predominaba en Galicia desde a tempada 2018/19".

Vacinación en Santiago de Compostela / Europa Press.   / Europa Press
Vacinación en Santiago de Compostela / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta