As vendas do pequeno comercio galego caen un 10,5%, o dobre que a media estatal

En canto ao emprego, o sector rexistrou en marzo unha subida do 3%.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 29/04/2022 | Actualizada ás 10:31

Comparte esta noticia

O comercio polo miúdo rexistrou un retroceso das súas vendas do 10,5% en relación ao mesmo mes de 2021, segundo datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press.

Así, este descenso practicamente duplicou a baixada da media estatal, xa que no total de España as vendas do comercio polo miúdo descenderon o mes pasado un 5,5%. Desta maneira, Galicia situouse como a automía cunha caída máis acusada, só superada pola cidade autónoma de Melilla (-12%).

Con todo, en canto ao emprego, o sector rexistrou en marzo unha subida do 3%. Supera así incluso o crecemento da media estatal, que quedou no 2,3%, e sitúase Galicia entre as autonomías onde máis creceu, con Cantabria á cabeza (+4,3%). No que vai de ano, o emprego do comerciopolo miúdo subiu en Galicia un 8,4%, mentres que as súas vendas baixaron un 3,3%.

DATOS ESTATAIS

A nivel estatal, o comercio polo miúdo rexistrou en marzo un retroceso das súas vendas do 5,5%, taxa 7,2 puntos inferior á do mes anterior e a súa caída máis acusada desde febreiro de 2021, cando se esborrallaron un 9,5%. Así, as vendas do comercio polo miúdo regresaron en marzo a taxas negativas despois de dous meses de incrementos interanuais consecutivos, sempre segundo datos do INE.

Eliminando os efectos estacionais e de calendario, a facturación do comercio polo miúdo baixou un 4,2% interanual en marzo, de maneira que marcou tamén o seu maior descenso desde febreiro de 2021 (-5,5%). En canto ao emprego, o sector rexistrou en marzo un incremento interanual da ocupación do 2,3%, catro décimas menos que en febreiro. Con este incremento, acumula xa once meses consecutivos de alzas interanuais.

Un home con máscara traballa na porta da súa ferraxaría. Marta Fernández Xara - Europa Press
Un home con máscara traballa na porta da súa ferraxaría. Marta Fernández Xara - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta