O PP critica á Deputación da Coruña por enviar máscaras "tarde"

O goberno provincial replica que só exerce como intermediario do Goberno.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2022 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

O viceportavoz do PP na Deputación da Coruña, Evaristo Ben, reprochou ao goberno provincial o envío aos concellos nos últimos días de máscaras que caducan en xuño. "Chegan tarde e chegan mal", expuxo en declaracións aos xornalistas antes do inicio do pleno que celebra esta institución.

"É un número maior que o recibido cando eran máis necesarias", dixo pondo como exemplo o caso do municipio do Pino do que dixo que este xoves recibiu 10.000 máscaras "e no máis duro da pandemia 2.000". "Cando agora non é obrigatoria e o máis curioso é que con data de caducidade para o mes de xuño", expuxo o deputado provincial, quen considerou este caso como un "símbolo da xestión" na Deputación da Coruña. "Carente de xestión", sentenciou Evaristo Ben, quen cifrou o nivel de execución orzamentaria en "un 40%". Sobre o seu presidente provincial, Valentín González Formoso, afirmou que está "máis preocupado do que fai o PP que de xestionar".

RESPOSTA DO PSOE

En resposta a estas afirmacións, o portavoz do goberno provincial, o socialista Bernardo Fernández, explicou que a Deputación fai "de mero intermediario entre o Estado e os concellos". Por outra banda, insistiu en que o organismo provincial leva repartindo máscaras desde abril de 2020. Desde esa data, cifrou en "máis de 1,5 millóns" as distribuídas. Ademais, fronte ás caixas "de 30 ou 40 máscaras" da Xunta, dixo que as do organismo provincial achegaban "300 e 400 máscaras", en referencia aos primeiros momentos da pandemia.

En relación á data de caducidade, incidiu en que "en moitas administracións séguense utilizando nas súas instalacións" e lembrou que son obrigatorias, entre outros lugares, no transporte público. "Hai cousas máis importantes nesta provincia das que falar e propor", apostilou.

Deputados provinciais do PP na Coruña comparecen ante os medios de comunicación
Deputados provinciais do PP na Coruña comparecen ante os medios de comunicación | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta