A RAG dálle a benvida ao mes das Letras rescatando un discurso de Florencio Delgado Gurriarán

O autor lembra en primeira persoa como tivo que fuxir a México para fuxir da represión franquista.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2022 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

Tras exiliarse en México, Florencio Delgado Gurriarán volveu tres veces a Galicia, a última en 1981 como membro fundador do Instituto de Estudos Valdeorreses e como membro correspondente da Real Academia Galega.

Precisamente agora, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas dedicado á súa figura, a Real Academia acaba de sacar á luz, na sección publicacións de academia.gal, o seu discurso de ingreso na RAG, onde lembra en primeira persoa como tivo que fuxir a México xunto a tantos outros que pensaban como el, o seu agradecemento co país que acolleu tantos exiliados despois da guerra civil e tamén o labor a favor da cultura galega que, xunto a outros paisanos, desenvolveu.

Esta é unha das iniciativas coas que a RAG celebra a figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, que levará o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas á súa aldea natal, Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras. Con el, as Letras viaxarán simbólicamente tamén por primeira vez ata México para recoñecer o traballo colectivo da diáspora naquel país, que o poeta reivindicou nas palabras pronunciadas o día en que foi recibido como académico correspondente.

"Sen tentar compararnos cos galegos de Buenos Aires, capital cultural da Galicia nos anos da posguerra, cando, despois da vitoria da metade dos españois, quedou España maltreita, a intelectualidade decimada e a fala galega ás escuras, a emigración galega en México tamén acendeu a súa 'fachiño' para escorrentar as tebras culturais", reivindicaba entón Delgado Gurriarán.

Como exemplo, o poeta e activista cultural referíase, entre outras, a iniciativas singulares como a edición por parte do Partido Galeguista de México do Cancioneiro da Loita Galega (1943), do que foi coordinador, editor e coautor; a fundación do Padroado da Cultura Galega en México (1953) ou, xa no ámbito da comunicación, emisións de radio e revístalas Saudade (1942-1953) e Vieiros (1959-1968), escritas totalmente en galego.

Na intervención pronunciada en Valdeorras, Florencio Delgado Gurriarán quixo tamén expresar o seu agradecemento á acollida que deu a república mexicana aos exiliados españois e particularmente ao seu presidente, Lázaro Cárdenas, a quen chegou a dedicar un poema. Nun momento en que España se abría á democracia e pouco despois do intento golpista de Tejero, Delgado Gurriarán tamén quixo resaltar o valor da diversidade lingüística dunha estado "comunidade de pobos fraternos" e "mosaico polícromo e armonioso concerto de falas irmás".

Retrato de Florencio Delgado Gurriarán por Anxo Santomil.. REAL ACADEMIA GALEGA
Retrato de Florencio Delgado Gurriarán por Anxo Santomil.. REAL ACADEMIA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta