Cinco empresas expoñen as súas experiencias na creación dixital en Galicia

A Xunta destacou que este encontro aposta polo dixital como "elemento indisociable das industrias culturais" e por vertebrar subsectores como os videoxogos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2022 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

O programa Galicia ProFilme, desenvolvido pola Xunta para a formación e intercambio profesional no sector audiovisual, reuniu na Cidade da Cultura a representantes de cinco empresas galegas do ámbito dos contidos dixitais e novos medios para expoñer as diferentes facetas da creación dixital en Galicia e contribuír así á visibilidade do colectivo como sector en alza.

Segundo trasladou a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no encontro participaron representantes de cinco firmas galegas de destacada actividade: Antaruxa, UrbanSimulations, Avestudio, Manu Viqueira e Sygnatia.

As persoas relatoras explicaron as súas experiencias propias e compartiron o visionado de vídeos ilustrativos sobre os seus proxectos máis recoñecidos, que segundo os casos van desde o modelado en 3D, infografía, animación fotográfica, 'motion graphics', desenvolvemento de apps, accións de e-Commerce ou innovación web ata a especialización en aplicacións arquitectónicas dixitais, clips musicais ou efectos visuais deseñados por computador.

Así mesmo, a Xunta destacou que este encontro se celebrou nun contexto no que a administración autonómica, a través do seu Hub Audiovisual, aposta polo dixital como "elemento indisociable das industrias culturais" e por vertebrar subsectores como os videoxogos, cunha liña de subvencións específica e a posta en marcha dun polo de aceleración de proxectos.

Ademais, a Consellería apuntou que esta é a terceira convocatoria de 2022 no marco do Galicia ProFilme, despois de que nas pasadas semanas este programa ofrecese dúas citas centradas na estratexia audiovisual con proxección europea, a cargo do produtor danés Thomas Gammeltoft, e na realización de produtos infantís para televisión, a cargo de Yago Fandiño, director de contidos infantís de Clan e de TVE.

No encontro celebrado na Cidade da Cultura participou o director de Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, e o director de Mundos Dixitais, Manuel Meijide.

Galicia ProFilme. XUNTA/XOÁN CRESPO / Europa Press
Galicia ProFilme. XUNTA/XOÁN CRESPO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta