O coche de ocasión que estás buscando pode estar no IV Car Outlet de Ourense

Expourense acolle esta fin de semana, entre o 6 e o 8 de maio, un interesante escaparate que ofrecerá as mellores oportunidades do mercado de vehículos de ocasión e segunda man con todas as garantías que brindan os concesionarios oficiais.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 04/05/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Car Outlet chega de novo a Ourense, na que será a súa IV edición. Unha cita que organizan Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO, grazas tamén á colaboración da Deputación Provincial de Ourense e de ABANCA.

Presentación IV Car Outlet Ourense. Foto: Prensa Expourense
Presentación IV Car Outlet Ourense. Foto: Prensa Expourense

Un total de 20 marcas estarán representadas a través dos 14 concesionarios de A.C.A.U.T.O. que participarán como expositores e ofertaranse máis de 400 coches con prezos atractivos e moi axustados. O obxectivo desta cita é cubrir todas as gamas e modelos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos clientes, tendo o público moitas facilidades para consultar opcións de coches, prezos e comparar in situ antes de decidir a compra.

20 marcas estarán representadas a través dos 14 concesionarios e máis de 400 coches á venda con prezos moi axustados

O IV Car Outlet foi presentado este luns 2 de maio en Expourense nun acto no que participaron o presidente de ACAUTO, Ramón Seijas, que estivo acompañado por outros membros da asociación; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; o director de zona Centro de ABANCA, Enrique Romero, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

OFERTA DO SALÓN

Neste amplo escaparate poderán atoparse coches quilómetro cero, de servizo (demostración ou cortesía), seminovos, de xerencia e de ocasión ou de segunda man, de entre 1 e 5 anos. Unha oportunidade interesante máis se cabe coas dificultades que hai hoxe en día ao redor do mercado do automóbil novo: suba de impostos de matriculación, dúbidas sobre que tipo de motorización elixir, crises de componentes electrónicos, ruptura da cadea de subministros… Problemas que están a xerar, entre outras cousas, longas esperas para recibir o coche novo. 

Os datos indican que en Galicia por cada coche novo véndense dous de ocasión, incluíndo tamén as compras entre particulares. Isto provoca que haxa cada vez maior demanda e menor oferta, polo que acudir a este salón se converte nunha boa oportunidade para os que anden a busca dun vehículo deste tipo. Por outro lado, este salón é unha boa ocasión para rexuvenecer o parque automobilístico galego (o cuarto máis antigo de España) que ten agora unha idade media de 13,7 anos. Un parque envellecido xa de por si e que se viu agravado pola pandemia.

Os datos indican que en Galicia por cada coche novo véndense dous de ocasión

MERCAR UN VEHÍCULO CON GARANTÍAS

Polo que respecta á compra dun vehículo de segunda man, dende A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que extenden esta garantía ata dous anos ou máis, no caso dos seminovos (de 0 a 5 anos).

As garantías ofrecidas aos coches mercados neste salón son moi semellantes ás dos coches novos xa que “as marcas están a traballar moito por profesionalizar o mercado de ocasión e xa case todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión”, explican dende A.C.A.U.T.O. Outra vantaxe é a xestión da documentación do proceso de compra-venda, da que se encarga a empresa.

HORARIOS

O horario de apertura do salón será venres 6 de maio de 11.00 a 20.30 h., sábado 7 de 10.00 a 20.30 h. e o domingo 8 de maio de 11.00 a 20.00 h. A entrada terá un custo de 2 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta