Medra a espera cirúrxica media no Sergas a 77 días ao peche do 2021

Con todo, Galicia sitúase como a terceira coa lista de agarda estrutural máis baixa no Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2022 | Actualizada ás 20:41

Comparte esta noticia

Un total de 43.194 persoas esperan por unha intervención cirúrxica en Galicia, na que a lista coñecida como "estrutural" (a oficial rexistrada, sen ter en conta situacións como un rexeitamento a unha intervención), ten unha media para poder ser intervido de 77 días a 31 de decembro de 2021.

Este dato, extraído do informe do Ministerio de Sanidade, sitúa Galicia como a terceira coa lista de espera estrutural máis baixa no Estado, por detrás de Madrid (73) e de País Vasco (71). Con todo, supoñen máis de catro días máis que ao peche de 2020, cando a espera media en Galicia era de 72,9 días de espera media.

Aínda que a media estatal está por encima con 123 días, o comportamento foi o contrario e descendeu dos 155 días de espera media a 31 de decembro de 2020. Con máis de seis meses de espera, hai un 8 por cento de pacientes en Galicia, mentres que a media estatal supera o 20 por cento (20,3), aínda que esta cifra se viu mellorada con respecto a hai un ano (27,4).

Con esa cifra, Galicia tamén se sitúa no terceiro posto do territorio estatal con mellores datos, por detrás de País Vasco e de Castela-A Mancha. En canto a se se analizan os procesos seleccionados para unha análise máis concreta, a espera media é de 70 días e ten en lista a 20.348 persoas, segundo o informe consultado por Europa Press. A operación de cataratas, con 8.799 persoas, é a máis grande de entre os procesos seleccionados (para o informe), seguida das intervencións de hernia, con 3.242 persoas en espera.

CONSULTAS EXTERNAS

Con respecto ás consultas externas, a 31 de decembro de 2021, Galicia presentaba tiña 193.622 persoas na lista de espera cunha media de agarda de 56 días, fronte aos 89 da media estatal. Só con mellores cifras están Baleares (51) e País Vasco (34), mentres que Madrid tamén presenta 56 (á marxe de Ceuta --31-- e Melilla --19).

Este dato supón un empeoramento tamén en esperas medias, xa que un ano antes era de 49,3 días (comparando o informe do Ministerio de Sanidade e as últimas cifras da web da Consellería de Sanidade con data de 31 de decembro de 2020). De entre os procesos seleccionados, a lista de espera para unha consulta presenta as cifras máis altas en oftamoloxía (35.444), traumatoloxía (34.160), dermatoloxía (11.397) e xinecoloxía (12.314).

O SERGAS ELOXIA O TRABALLO

Nun comunicado, o Sergas destaca que as cifras da espera cirúrxica son "o reflexo do traballo durante todo un ano de todos os profesionais dos equipos de quirófano, cirurxiáns, persoal de enfermaría e celadores, entre outros". "Xestionar, a un tempo, a pandemia e as listas de espera supuxo un gran esforzo, polo que a Consellería de Sanidade agradece o traballo dos profesionais", apuntou no mesmo comunicado.

Quirófano galego. XUNTA DE GALICIA - Arquivo
Quirófano galego. XUNTA DE GALICIA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta