A CIG busca levar os "salarios roubados" do Sergas ao Parlamento

Reclaman recuperar un complemento de 200€ mensuais aprobado polo bipartito que logo suspendeu Feijóo amparándose nas circunstancias da crise do 2008.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2022 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

A CIG promoverá unha recollida de polo menos 2.500 firmas para levar unha proposición non de lei (PNL) ao Parlamento galego que solicite á Xunta a recuperación dos acordos retributivos do persoal do Servizo Galego de Saúde que foron "suspendidos" desde 2010 e que "non se recuperaron".

Así o explicou o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, nunha rolda de prensa en Santiago na que detallou que se trata de que a Administración devolva o "complemento específico" establecido a finais do 2008, en virtude dun acordo co bipartito de PSdeG e BNG, e que supuxo unha media de "200 euros" por profesional.

"Coa chegada do PP ao goberno, foi suspendido", lamentou Moreira, posto que en 2010, a través da lei dos orzamentos da Xunta para ese ano, eliminouse a "aplicación dos pactos ou acordos que supoñan incrementos retributivos", tal e como consta no texto, que o xustifica coas "circunstancias económicas excepcionais" que había entón.

A CIG-Saúde entende que agora se debe restablecer o mencionado complemento porque "a situación económica cambiou" e "o marco legal hai que respectalo", xa que "desde 2017 ou 2018 xa hai indicadores" que apuntan a unha superación da crise financeira. Por iso, insistiu o seu secretario nacional, a suspensión deste pacto retributivo "non está xustificada".

Así mesmo, Moreira lembrou que o Goberno galego alcanzou "acordos de melloras retributivas e de condicións laborais para o persoal da Administración", pero "non" foi así cos traballadores do Sergas.

UN OBXECTIVO DE 5.000 FIRMAS

A idea da CIG-Saúde, tal e como indicou en rolda de prensa o seu secretario nacional, é que esta iniciativa chegue ao Parlamento para ser debatida en xuño, para o que se necesitan polo menos 2.500 firmas. Iso si, o "obxectivo" é chegar ás 5.000. Neste contexto, a organización solicitará tamén unha reunión co tres grupos con representación na Cámara autonómica --PPdeG, BNG e PSdeG-- "para explicar o porqué" e para "pedirlles o seu defensa (a da PNL) como propia".

O secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, en rolda de prensa.. CIG
O secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, en rolda de prensa.. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta