O comité da planta de residuos da Coruña urxe ao goberno local a publicar os pregos para unha nova concesión

A alcaldesa replica que se está traballando na súa redacción e que hai que facer "as cousas ben".

Por E.P. | A Coruña | 03/05/2022 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

O comité de Albada, empresa que xestiona a planta de tratamento de residuos de Nostián, da Coruña, anunciou unha campaña para demandar ao goberno local que publique "canto antes" o prego do concurso para poder licitar un novo contrato e adxudicar a xestión a outra empresa. Así o informou o seu presidente, Hadrián Canosa, da CIG, que asegurou que ata agora só obtiveron "escusas" por parte do consistorio.

Comité de empresa de Albada
Comité de empresa de Albada | Fonte: CIG.

"Esta empresa acabou a súa concesión o 31 de de decembro de 2019 e estamos sen convenio", dixo sobre as condicións nas que se atopan os 104 traballadores, entre fixos e eventuais.

Tamén expuxo que coa Marea Atlántica asinaron un compromiso de garantías laborais e salariais para os traballadores e que o partido instrumental tiña xa un prego do concurso. "Entra o PSOE e ponnos escusas", dixo, admitindo, no entanto, que houbo que introducir cambios polas adaptacións á normativa europea e estatal.

"Decaeu o noso convenio", engadiu sobre a situación dun persoal con "conxelación salarial desde 2012". Por outra banda, apuntou que o prego de condicións do concurso é o primeiro paso para adxudicar a xestión da actividade a outra empresa --xa que, segundo dixo, a actual non quere seguir-- e avanzar na negociación dun novo convenio.

O presidente do comité de empresa lembrou que por parte do Concello houbo un "rescate" da instalación que durou oito meses "e na que un interventor dirixiu a empresa" e que logo veu a pandemia co que, sostivo, foise paralizando máis esta cuestión.

"Queremos que publique o prego canto antes e que saque unha nova licitación", dixo sobre as súas demandas ao goberno local, ao que instou, pola contra, a facerse "cargo" dos traballadores.


"A empresa di que non quere seguir porque está en perdas", insistiu Hadrián Canosa, quen asegurou que a campaña, sen descartar protestas, iníciana este xoves. "Estaremos no pleno e faremos uso do escano cidadán", manifestou sobre as demandas que exporán nel, así como a súa denuncia da "deterioración" das instalacións.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Pola súa banda, a alcaldesa, Inés Rey, manifestou que o Concello está a traballar na redacción deses pregos, "que tiveron que ser modificados por cambios na normativa europea".

Ademais, incidiu na necesidade de facer "as cousas ben para que esa concesión dure en óptimas condicións e nun marco temporal no que se garanta o sistema de tratamento de residuos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta