A Deputación de Ourense critica o Goberno pola achega "masiva" de máscaras a piques de caducar

O vicepresidente primeiro da institución lamenta a situación e asegura que se procederá a unha repartición "urxente" deste material.

Por E.P. | OURENSE | 03/05/2022 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense trasladou este martes que acaba de recibir do Goberno central unha partida de 422.165 máscaras cirúrxicas con data de caducidade, segundo o lote, entre o 11 e o 14 de xuño de 2022.

A institución provincial afirma que recibiu este material o 28 de abril e, unha vez realizada a clasificación por concellos segundo a porcentaxe poboacional, arrincou esta mesma xornada unha repartición "urxente".

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, lamentou profundamente esta situación. "Estas máscaras estiveron gardadas durante meses nun almacén no peor momento da pandemia, cando eran tan necesarias para os servizos sociais dos concellos e os colectivos máis vulnerables. E chegan agora a Ourense dunha maneira masiva, a pouco máis dun mes de caducar", reprobou.

O vicepresidente primeiro da Deputación censurou "o mal uso de fondos públicos" e "a falta de planificación" do Goberno central. "Este é outro exemplo máis da súa xestión errática, que tanto dano está a facer aos veciños e as contas públicas", criticou.

REPARTICIÓN "URXENTE"

Nesta conxuntura, a Deputación garantiu "a repartición máis áxil posible do material sanitario", cumprindo co "seu papel de intermediaria" entre o Goberno central e os municipios da provincia, pero incide na dificultade de "xestionar e distribuír" un elevado número de máscaras cunha data de caducidade tan próxima e dade a dispersión xeográfica da provincia.

Non en balde, incidiu en que esta achega de máscaras cirúrxicas "sextuplica a máis grande" enviada ata o momento polo Goberno á Deputación de Ourense --63.500, en decembro de 2021--.

Unha sanitaria prepara probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo) / Carlos Castro - Europa Press.  / Europa Press
Unha sanitaria prepara probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo) / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta