A Xunta de Alfonso Rueda; o dilema de manter a unidade a costa de acomodar aos "baróns"

O futuro presidente da Xunta nega que o seu PP sexa o dos "baróns" ao tempo que recoñece as "especificidades" de cada territorio. Para o que si ten as mans libres Rueda é para elixir a todo o seu equipo de confianza tras marchar o núcleo duro de Feijóo a Madrid. O sue obxectivo é o de crear o seu propio modelo de goberno, o "modelo Rueda".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia camiña cara un novo periodo político co Partido Popular. Será co mesmo partido e a mesma xente, pero cunha faciana diferente. A sucesión no PP e na Xunta xa está encamiñada desde hai tempo, pero o futuro presidente galego, Alfonso Rueda, leva días tentando pechar a engranaxe do seu futuro goberno e partido. Unha engranaxe que pasa polo poder que nel terán os distintos "baróns".

Alfonso Rueda intervén nunha rolda de prensa tras un encontro co presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices
Alfonso Rueda intervén nunha rolda de prensa tras un encontro co presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

Rueda leva días inistindo en que o seu modelo é como o de Feijóo e que, a pesar da rapidez dos cambios no PPdeG e na Xunta, a transición estase facendo de xeito "tranquila" e baixo a premisa da "unidade". "Había que dar exemplo de unidade e estámolo dando", sinalou este mesmo martes nun encontro que mantivo en Vilagarcía de Arousa cos cargos e militantes populares da comarca do Salnés.

E alí, como xa fixo na Coruña un día antes, volveu insistir en que o seu partido non é o dos "baróns". "Non hai un PP da Coruña, outro de Lugo, outro de Ourense e outro de Pontevedra. Hai un PP de Galicia", manifestou. "Se estamos unidos, seremos estables. E se somos estables, estaremos en condicións de asumir os retos que se nos presentan". Entre os que destacou dous: as eleccións municipais do 2023 e, un ano despois, "lograr en Galicia a quinta maioría absoluta".

OS TERRITORIOS E AS "NECESIDADES ESPECÍFICAS"

Con todo, e a pesar de repetilu en cada acto ao que acode, o certo é que Rueda é consciente de que non sería o novo líder do partido se non tivera chegado a un acordo cos pesos pesados do PPdeG. "Por suposto que cada territorio ten as súas necesidades específicas", dixo este martes, pero o proxecto do Partido Popular en Galicia "é un proxecto global". Unha chiscadela aos "baróns" que, xa no inicio de todo o proceso sucesorio, comezando por José Manuel Baltar e Diego Calvo, e rematando por Elena Candia, tamén pediron estar representados nese novo PP de Rueda.

E parte deses compromisos adquiridos para "pacificar" o partido foron en forma de concesións e pactos. E, entre elEs, está que o presidente do PP da Coruña entre na Xunta como conselleiro. Este mesmo martes volvía a insistir EN que agarda que Diego Calvo estea no seu futuro goberno. "Espero que acepten formar parte do meu goberno", dicía tamén en relación ao vicepresidente segundo, Francisco Conde.

O DILEMA "PACO CONDE"

De feito, algunhas fontes consultadas apuntan que Conde podería ir tamén a Madrid como asesor en asuntos económicos e empresariais do equipo de Feijóo. Un punto que negan desde o PPdeG ao sinalar que o vicepresidente segundo segue a ser un "soporte imprescindible" do actual goberno. "O certo é que Paco é un home de Alberto e xa hai tempo que quere marchar a Madrid porque ten alí a sua vida montada", apuntan as fontes consultadas. "Non é polos novos desempeños de Alberto en Madrid, xa é algo de antes, pero, agora xa tería unha excusa para marchar", asegura.

Con todo, outros dirixentes aseguran que "non é o momento de que Conde marche agora" xa que a lexislatura entrou xa na súa última fase e o seu departamento, con temas tan importantes como a xestión dos fondos Next Generation, "é fundamental" para manter a estabilidade do actual goberno popular.

NOVO "GARDE DU CORPS"

Os que si marcharon, e en bloque, son todos os altos cargos da máxima confianza do xa ex presidente galego, o seu "garde du Corps" particular, comezando pola secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, e todo o seu equipo de comunicación particular, responsables de estratexia e discursos. De feito, Feijóo tamén leva a Madrid ata o de agora secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado.

Deste xeito, Rueda terá as mans libres para facer o seu equipo, tanto na Presidencia da Xunta como no propio PPdeG. E, de feito, as fontes consultadas apuntan que para dirixir o PPdeG podería situar á lucense Elena Candia que aspiraba a entrar como conselleira nesta lexislatura pero Feijóo decidiu deixala só como parlamentaria. Outro xeito para ir dando acomodo ás aspiracións dos "baróns" provinciais.

Con todo, o principal obxectivo do futuro presidente é facer e crear o seu propio equipo, o seu "modelo". Como el mesmo se encargou de dicir hai uns días, o seu goberno será continuista co de Feijóo pero co "modelo Rueda". Un modelo que dará a coñecer en breve.

QUINTANA E COMESAÑA A "DISPOSICIÓN" DE RUEDA

Os conselleiros de Mar e Sanidade en funcións, Rosa Quintana e Julio García Comesaña, están "a disposición" do que previsiblemente a próxima semana se converterá no novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para continuar no seu goberno se así o decide.

En declaracións aos medios antes de participar nun acto en Santiago para relanzar a campaña saudable 'Vai de Peixe', a responsable de Mar insistiu en que é "importante deixar ao futuro presidente a liberdade suficiente para que elixa a persoas que considere máis adecuadas" para formar parte do seu equipo.

Pola súa banda, o titular de Sanidade, que foi un dos últimos en incorporarse ao Goberno galego da man de Feijóo --en setembro de 2020--, subscribiu as palabras de Quintana sen querer "engadir nada máis" e reiterou que tamén está "a disposición" do próximo presidente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta