Ruta dos Viños de Valdeorras: crear riqueza e turismo no territorio arredor do viño

As XI Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños de Valdeorras, que se desenvolverán na comarca entre os vindeiros 27 e 29 de maio, foron presentadas o pasado día 2 de maio en Santiago de Compostela.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 03/05/2022 | Actualizada ás 23:13

Comparte esta noticia

Nun acto presidido por José González, conselleiro do Medio Rural, e no que participou tamén a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentáronse o pasado 2 de maio as rutas dos viños das diferentes Denominacións de Orixe galegas.

Cartel anunciador das Rutas dos Viños
Cartel anunciador das Rutas dos Viños

Por parte da Ruta dos Viños de Valdeorras, tomou a palabra a vicepresidenta da entidade, Montserrat Rodríguez, para asegurar que a iniciativa permitirá, un ano máis, “dar visibibilidade” e “difundir e propiciar un mellor coñecemento do territorio amparado”.

“Valdeorras é rica en historias escritas a través das súas xentes, as súas terras, o seu clima e as súas paisaxes, que acolleron e coidaron o cultivo da vide desde hai séculos. Todos estes actores deron forma á esencia do que é hoxe en día a viticultura da nosa comarca e ao selo da nosa Denominación de Orixe Valdeorras, a segunda mais antiga de Galicia”, engadiu Montserrat Rodríguez.

CREAR RIQUEZA E TURISMO NO TERRITORIO ARREDOR DO VIÑO

Dende a Ruta dos Viños de Valdeorras apóstase, tal e como sinalou a súa vicepresidenta, por contribuir a crear riqueza e turismo no territorio arredor do viño. En palabras súas, “porque os nosos recursos posúen un gran atractivo como elemento a partir do cal asentar unha oferta turística diferenciada”

Intervención de Montserrat Rodríguez. Foto: Prensa Ruta dos Viños de Valdeorras
Intervención de Montserrat Rodríguez. Foto: Prensa Ruta dos Viños de Valdeorras

Montserrat Rodríguez aproveitou a ocasión para poñer en valor a figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor valdeorrés ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, recitando algunhas partes dun artigo que este publicou na Revista Saúdade, editada polos galeguistas exiliados en México. Como remate da súa intervención convidou a todas e todos a visitar o patrimonio natural, histórico e cultural de Valdeorras no marco destas xornadas.

ACTIVIDADES E INSCRICIÓNS

Entre outras actividades, realizaranse visitas a adegas, poñeranse en valor de rutas ligadas ao viño na comarca, haberá interaccións entre a pizarra e o viño, maridaxe entre viño e música, catas e túneles do viño... Accións que se desenvolverán na fin de semana entre o 27 e o 29 de maio en diferentes enclaves de Valdeorras.

As inscricións para participar nas diferentes actividades promovidas arredor das XI Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños de Valdeorras están xa abertas na súa web e nos perfís de Facebook e Instagram da asociación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta