Os colexios de xornalistas levan 17 anos reclamando ao Estado a creación dun órgano obrigado por lei

Os órganos colexiados volven incidir nesta demanda "histórica" coincidindo co Día da Liberdade de Prensa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Os Colexios de Xornalistas de todo o Estado veñen de reclamar en Santander a creación inmediata dun Consello Xeral. Así o fixeron con motivo do Día Mundial da Liberdade de Prensa, nunha xornada que correu ao cargo da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, órgano constituído en 2018 e que agrupa a once órganos colexiais tras a incorporación onte dos Colexios de Aragón e Cantabria.

Sinatura do manifesto dos colexios de xornalistas do Estado no Día Mundial da Liberdade de Prensa, en 2022
Sinatura do manifesto dos colexios de xornalistas do Estado no Día Mundial da Liberdade de Prensa, en 2022 | Fonte: CPXG

A institución vén de reclamar así ao Goberno de España a creación inmediata do Consello Xeral de Xornalistas, un paso que consideran "imprescindíbel" para "a articulación do bo xornalismo estatal". A sinatura do manifesto tivo lugar o pasado martes 3 coincidindo coa efeméride central da profesión, xornada que aproveitaron para facer chegar ao Estado unha petición "histórica", xa que dende o ano 2005 ven realizándose de forma continuada.

Neste aspecto, a Rede lembra que a inexistencia deste órgano incumpre a Lei 2/1974, de 13 de febreiro, de Colexios Profesionais, que no seu artigo 4.4 establece que “cando estean constituídos varios colexios da mesma profesión de ámbito inferior ao nacional existirá un Consello Xeral”. "Existen varios colexios constituídos desde hai xa 22 anos, e durante este tempo foron numerosas as ocasións nas que se trasladou a necesidade da creación do Consello Xeral", explican.

En concreto, detallan que tanto o Collegi de Periodistes de Catalunya como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, os dous primeiros creados, xa o solicitaron en 2005 e 2007, obtendo só silencio da administración. A raíz do nacemento do Colegio Oficial de Periodistas de la Región de Murcia creouse en 2010 a Comisión Promotora do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Xornalistas de España, que retomou a petición. Coa aparición na última década de colexios en Andalucía, o País Vasco, Castela e León, A Rioxa, Asturias e Navarra, reunidos na Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas desde o 2018, intensifícase a reivindicación para conseguir este necesario órgano.

Por iso a Rede aprovetou o Día Mundial da Liberdade de Prensa para insistir no papel do xornalismo como "un alicerce necesario para garantir unha sociedade plural, libre e democrática". "O compromiso das institucións con estes valores, polo tanto, debe pasar polo respecto e a atención ás necesidades lexislativas e administrativas da profesión", incidiron, denunciando unha vez máis a "dilación" na creación do Consello Xeral de Xornalistas ou na aprobación do Estatuto do Xornalista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Unha lei de 1974 cicais debérase derogar... e facer algo ex novo antes de seguir a promover chiringuitos profesionais tipo Colexios de Doutores e Licenciados e demáis Asociación Profesionais de dubidosa eficacia en todo o Estado ? É só unha pregunta por se alguén ten máis que aportar ? O xornalismo en mans da Propaganda (política ou comercial) ?