Localizan en Carballo un novo depósito clandestino de coches

Os axentes comprobaron que ningún dos vehículos almacenados estaba descontaminado, o que supón un grave risco para o medio ambiente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2022 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Autonómica localizaron un novo depósito clandestino de coches en desuso na localidade coruñesa de Carballo, onde a comezos do mes de abril foron descubertas tres parcelas con máis dun milleiro de vehículos fóra de uso. Segundo trasladou a Administración galega, trátase dunha parcela e unha nave industrial na que se almacenan "un elevado número" de vehículos en despezamento.

O achado foi froito da investigación levada a cabo pola Policia Autonómica en colaboración co Servizo de Intervención Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. O responsable da nave e a parcela carece dos permisos necesarios, tanto de industria como os habilitantes, para dar de baixa os vehículos fóra de uso. Ademais, tampouco conta con licenza municipal de actividade.

Os axentes comprobaron que ningún dos vehículos almacenados estaba descontaminado, "o que supón un grave risco para o medio ambiente pola falta de control sobre os residuos perigosos" como aceites e baterías, remarca a Xunta. Así mesmo, foron localizados "numerosos" derrames de residuos perigosos no terreo onde se almacenaban os vehículos, unha área que estaba sen pavimentar.

Por este motivo, técnicos da Administración galega realizaron catas para coñecer o alcance de contaminación que, en caso de confirmarse, podería supor un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.

O chan da leira onde se practicaba o despezamento dos vehículos, cercada con muros altos e vexetación que impedía a visibilidade desde o exterior, ten a cualificación de chan rústico de protección das augas.

A empresa almacenaba os vehículos sen dalos de baixa directamente e despezábaos para vender posteriormente as pezas de valor. Así o determinan os axentes da Policía Autonómica, que engaden que o negocio ilegal contaba coa colaboración dun depósito legal para poder realizar a baixa dos vehículos ante Tráfico.

O responsable, que foi denunciado por unha infracción de residuos e chans contaminados que pode carrexar sancións de ata 1,75 millóns de euros, recoñeceu aos axentes que cando un vehículo entraba nas súas instalacións procedía a retirarlle as pezas para unha posterior venda tanto de maneira presencial como a través de internet.

Cuarto depósito almacén clandestino de vehículos localizado en Carballo (A Coruña) en menos dun mes. XUNTA
Cuarto depósito almacén clandestino de vehículos localizado en Carballo (A Coruña) en menos dun mes. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta