Multan o traballador de Ence que pateou o vehículo do alcalde de Pontevedra

Asegura que non se arrepinte "de nada", alega que non mandaron "a ninguén ao sanatorio" e que "o coche non tiña ningún dano".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2022 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra condenou a abonar unha multa de 180 euros en conformidade a Ramiro Cerdeira Portela, o traballador de Ence acusado dun delito de atentado contra o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, por patear o seu vehículo.

O acordo de conformidade supón que o acusado admite a autoría dos feitos a cambio dunha rebaixa na petición inicial de penas que era dun ano de prisión e unha multa de 1.470 euros por un delito de atentado contra a autoridade e que finalmente, queda nun delito leve de falta de respecto á autoridade co pago dun mes de multa cunha cota diaria seis euros, o que supón un total 180 euros.

Os traballadores de Ence concéntranse detrás dunha pancarta. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press - Arquivo
Os traballadores de Ence concéntranse detrás dunha pancarta. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press - Arquivo

Ramiro Cerdeira, viviblemente emocionado, explicou á saída da Audiencia que "ao final" lles "fixeron unha proposta". "Entre o meu avogado e eu falámolo e decidimos que iamos aceptar", abundou. "Teño clarísimo que imos seguir defendendo os nosos postos de traballo, os dos meus compañeiros e o meu, o pan dos meus fillos. Que grazas a esta fábrica vivimos moita xente", sinalou.

O feitos obxecto desta causa tiveron lugar en marzo de 2021 durante o peche dun grupo de traballadores da fábrica de Lourizán no Concello de Pontevedra. O escrito de acusación da Fiscalía relata que cando o rexedor e varios concelleiros saían das dependencias municipais, o procesado "tentou abalanzarse sobre o tenente de alcalde, o que foi impedido polos axentes policiais".

Engade o Ministerio Público que cando Fernández Lores saía do aparcadoiro ao volante do seu vehículo particular, fíxoo protexido por outro cordón policial, xa que os traballadores "impedíanlle, con berros e insultos, a saída". Nese momento, o acusado "chegou a dar dúas patadas ao vehículo do alcalde, que non sufriu danos". Segundo a Fiscalía, realizou estes actos "desprezando o principio de autoridade".

Este delegado de Comisións Obreiras en Ence apuntou que defendeu ante o tribunal provincial que "non" é "ningún delincuente". "E non lle fixen mal a ninguén", indicou, para explicar que aquel día realizaron "unha concentración" polo seu "conflito laboral". "Non me arrepinto de nada". 

CONCENTRACIÓN DE APOIO

No exterior da Audiencia de Pontevedra concentrouse este xoves un centenar de persoas, entre delegados de Comisións Obreiras e operarios da fábrica de Ence, que acudiron ao Palacio de Xustiza a expresar o seu apoio ao compañeiro procesado. "Estou moi agradecido con todos e vexo que son unha persoa apoiada", respondeu o procesado.

Entre as persoas que se concentraron ante a Audiencia atopábase a secretaría xeral de Comisións Obreiras en Galicia, Amelia Pérez Álvarez. "É lamentable que teñamos que estar aquí hoxe cando o único que facemos as organizacións sindicais é defender os postos de traballo", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta