Temas: EDUCACIóN

Sindicatos piden atrasar o inicio do curso 2022/2023 para manter os 175 días lectivos

A Consellería propón que todas as etapas educativas arrinquen o xoves 8 de setembro e finalicen, en xeral, o 21 de xuño.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/05/2022 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG, ANPE, UGT e CC.OO. pediron unanimemente este xoves en mesa sectorial que se atrase o inicio do curso escolar 2022/2023, fixado nun principio no 8 de setembro para todas as etapas, para así manter en 175 os días lectivos e non en 176 como está fixada pola proposta da Xunta.

Un cativo nunha gardaría
Un cativo nunha gardaría | Fonte: Xunta de Galicia.

En concreto, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, como xa avanzou o pasado luns, presentou un borrador do calendario que fixaría o xoves 8 de setembro como xornada de arranque en todos os niveis. Desta maneira, suxire unificar o inicio do curso, que ata o momento incluía diferentes datas para Infantil e Primaria das de ESO e Bacharelato e pretende facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.

Así, a proposta da Administración apunta o fin das clases para o 21 de xuño de 2023, fóra dos ensinos de réxime especial, que finalizarían o 30 de xuño, e o 2º curso de Bacharelato, que se axustaría ao calendario da EBAU --antiga Selectividade--.

A Xunta xustificou este cambio tras a eliminación na nova lei educativa dos exames de recuperación en ESO, que se celebraban tradicionalmente a comezos de setembro.

Ademais, os períodos de vacacións escolares irán do día 23 de decembro ao 6 de xaneiro, ambos os dous incluídos, en Nadal; os días 20, 21, e 22 de febreiro para Entroido; e desde o día 3 ao 10 de abril, ambos os incluídos, para Semana Santa.

Distintas fontes sindicais manifestan a súa desconformidade co calendario proposto pola Consellería para reducir os días lectivos desde 176, un máis do habitual, a 175. Así, reclaman, por exemplo, un atraso do arranque do curso ao venres 9 ou, mesmo, ao luns 12 de setembro xunto cunha reestruturación das xornadas.

Por parte de CIG-Ensino, destacan a "oposición sindical" aos 176 días e, a pesar de que a Xunta se comprometeu a "revisar" se empezar o 8, lamentan que sexa "sen compromiso ningún".

Desde ANPE, a proposta levada á reunión coa Consellería pon enriba da mesa un atraso do arranque do curso ao luns 12 para así non ter que empezar un venres e "facilitar as tarefas de preparación e de coordinación do profesorado e evitar o posible caos". Do mesmo xeito, suxeriu atrasar o final do período lectivo do 21 ao 22 de xuño.

Tamén o responsable de CC.OO.-Ensino, José Manuel Fuentes, insiste en que "non se deben pasar os 175 días que estableceu xa noutro momento a Lomce e actualmente a Lomloe", aínda que recalca que o "problema real" está nas "horas lectivas" totais, que deixa Galicia na parte "alta" da táboa con respecto aos países europeos.

"Sería a primeira vez que superamos os 175 días lectivos e a Consellería di que vai estudar a proposta (de atrasar o arranque do curso) coa boca pequena e coa intención de non estudar nada", afeou Fuentes, para seguidamente alegar que isto non implica "traballar menos", xa que o profesorado "ten o mesmo horario" e ten que estar presente nos centros xa desde o 1 de setembro.

PERÍODO DE ADAPTACIÓN

Sobre o período de adaptación, a Consellería propón un modelo "axustado ás necesidades das familias", tal e como explicou. Así, a intención é que os centros poidan optar por unha incorporación gradual do alumnado de 4º de Infantil, que non se prolongará máis aló do 16 de setembro.

Así mesmo, deberán ter en conta a escolarización previa do alumnado na etapa 0-3 anos, a existencia de irmáns ou irmás no centro e as necesidades familiares. En todo caso, garantirase a atención a tempo completo do alumnado cuxas familias así o soliciten.

Con todo, o responsable de CC.OO.-Ensino rexeita que "non hai criterios pedagóxicos co período de adaptación", que debe estar "ao servizo non da familia, senón do alumnado". Por iso, xunto con ANPE, propuxo a posibilidade de estendelo ata finais de setembro polo menos nas aulas máis grandes.

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta