A Xunta, "sorprendida" polas críticas á pasarela entre A Coruña e Oleiros

Inés Rey subliña que a Xunta avanza co proxecto sen contactar antes co Concello.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2022 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, mostrouse sorprendida respecto das críticas realizadas á pasarela entre a praia coruñesa de Oza e a de Santa Cristina "con opinións e gustos persoais" sobre un proxecto "serio, técnico e rigoroso".

Así o manifestou, a preguntas dos xornalistas, durante a presentación do proxecto da estrutura flotante na zona do Parrote, sobre a reunión técnica mantida o xoves polo alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane,' Gelo', e o xefe do servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Felipe de la Vega.

Vázquez insistiu en que esta infraestrutura é unha proposta "seria" e "avalada" pola Fundación de Ingenieria Civil e por informes "ambientais e patrimoniais" e que conta con "respaldo económico". "As análises ambientais e de mobilidade non dependen de opinións persoais senón de normativas", apostilou e engadiu que se trata dunha resposta "útil e funcional" de interese para a cidade e unha "oportunidade única" para pór en valor tanto a zona de Oza como a de Santa Cristina.

A conselleira cualificou, ademais, de "paradoxo" que unha pasarela para fomentar "andar a pé e en bicicleta" xere "máis aversión ambiental" que a ampliación da Ponte Pasaxe de "máis impacto visual" e "para meter máis coches na cidade da Coruña".

Pola súa banda, tamén preguntada por esta cuestión, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, indicou que "quen ten que contactar co concello é a Xunta". Ademais, insistiu en que a día de hoxe non lle consta "ningunha petición de reunión respecto diso", volveu a manifestar en liña co seu posicionamento sobre esta cuestión.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na súa comparecencia no Parlamento galego. XUNTA
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na súa comparecencia no Parlamento galego. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta