Pontón prevé un "cara a cara" entre o "pasado" e o futuro" na investidura de Rueda

Destaca que o cambio político en Galicia "está en marcha" e que xa empezou a "conta atrás".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/05/2022 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que o Debate de Investidura, no que Alfonso Rueda será elixido novo presidente da Xunta, verase unha "cara a cara entre o pasado e o futuro" e deixou claro que o cambio político en Galicia "está en marcha". Así se pronunciou este sábado no Consello Nacional que o Bloque celebrou en Teo, onde a líder dos nacionalistas galegos expresou que son "tempos de cambio e renovación política" en Galicia, e deixou claro o que o Bloque está "preparado" para gobernar.

Na súa intervención, a portavoz nacional do Bloque reprochou que o sucesor popular á Presidencia da Xunta, o ata agora vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, non fose elixido pola cidadanía galega. "É un presidente que chega de rebote", afirmou.

O BNG celebra en Teo a reunión do Consello Nacional
O BNG celebra en Teo a reunión do Consello Nacional | Fonte: BNG.

Ademais, ante o Consello Nacional do BNG, Pontón denunciou a situación actual relacionada coa crise enerxética e condenou as declaracións do presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, do pasado venres, que asegurou que "soamente os parvos que seguen coa tarifa regulada do Goberno pagan máis luz". "O grave non é a súa soberbia, senón que haxa gobernos que lles permitan que nos estafen legalmente", censurou a portavoz.

Fronte ao incremento dos prezos da luz e a crise enerxética, Pontón reclamou unha suba de impostos ás eléctricas e a creación dunha tarifa eléctrica galega que baixe a factura aos cidadáns da comunidade e as pequenas ymedianas empresas (pemes).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta