Baltar subliña que Jácome debe pedir perdón e di que é "mil veces mellor alcalde que Villarino"

Destaca que haberá tempo para construír unha candidatura "forte" que permita transformar a cidade "como no seu día o fixo Manuel Cabezas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2022 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, subliñou este luns que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, debe pedir perdón e critica que os socialistas promovan a súa dimisión e, á vez, "manteñan conversacións" con el. O Partido Socialista de Ourense levou ao pasado pleno municipal unha moción para reprobar a actitude do rexedor municipal, despois da agresión a unha sindicalista e, por este mesmo feito, pedir a súa dimisión. A moción saíu adiante coa abstención do Partido Popular.

Ademais, os socialistas tamén deron un paso na Deputación Provincial, onde pediron un pleno extraordinario para reprobar e pedir a dimisión do alcalde. Sobre este tema o presidente provincial adiantou que no seu momento porá a data de convocatoria para ese pleno, pero mostrou a súa "sorpresa" porque "o presunto líder socialista estea a encabezar este tipo de cuestións". "Todos sabemos que está a falar co alcalde de Ourense para ter melloras no seu grupo, para postos de persoal eventual", abundou.

"Que publicamente apareza o Dr Rafael e privadamente Mr Villarino é o que hai", afirmou Baltar. Así dixo que se hai que tomar unha decisión, esta correspóndelle ao grupo municipal, quen lembrou xa lle dixeron a Villarino que era "persoa non grata". Ademais, apuntou que "tamén é persoa non grata na súa propia organización como se demostrou nas eleccións internas para liderar o partido en Ourense". "Creo que hai un tapón importante e eu sempre dixen que Jácome era mil veces mellor alcalde que Villarino", sostivo.

Deste xeito, quixo lembrar tamén que, aínda que quen goberna con Democracia Ourensana é o Partido Popular, todas as formacións do arco da corporación municipal quixeron estar no goberno.

"TOMAMOS UNHA DECISIÓN"

"Todos lembramos aquelas conversacións en cafetarías onde se repartían con Jácome as concellarías e, hai uns meses, esas mesmas formacións trataban de asinar unha moción de censura na Deputación con esa persoa que rexeitan absolutamente día si e día tamén", criticou Baltar.

"Nós estamos no goberno porque tomamos unha decisión e tomámola todos os días cando seguimos no goberno, porque gobernar é importante e as concellarías que asumimos demostran que fai falta músculo para desenvolvelas. Pensamos en positivo, pensamos en construír e pensamos en maio do 2023 co alcalde ou alcaldesa do Partido Popular", proclamou.

Nesta mesma liña, esgrimiu que haberá tempo suficiente para construír unha candidatura "forte" que permita transformar a cidade "como no seu día o fixo Manuel Cabezas". O presidente provincial foi claro ante as iniciativas presentadas polo Partido Socialista pedindo a dimisión do alcalde de Ourense. "O futuro disto é o que teñen sempre as propostas deste cabaleiro", dixo en referencia a Villarino, "o fracaso, nin alcalde, nin presidente, ese é o futuro", abundou.

O presidente provincial do PP, Manuel Baltar.
O presidente provincial do PP, Manuel Baltar. | Fonte: Europa Press

PSOE DE OURENSE

Pola súa banda, o PSOE de Ourense condenou que o presidente do PP provincial ourensán, Manuel Baltar, "ampare, aplauda e defenda" o rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ao que tachan de "alcalde agresor que pega mulleres".

Os socialistas ourensáns aseguran estar "profundamente preocupados" ante a deriva " ultra" na que consideran que Baltar está "a sumir" as institucións públicas democráticas polos seus intereses persoais e familiares. "Só o pánico máis extremo pode explicar a súa comparecencia desta mañá, na que defendeu unha persoa que agride física e verbalmente a mulleres e outros moitos colectivos, e atacou a Rafa Villarino, o líder da oposición e do partido máis votado da terceira cidade de Galicia", sinala.

"Esta bochornosa reacción é un síntoma evidente de que ve perigar o seu futuro porque, entre outras razóns, teme que Alfonso Rueda, o próximo líder do Partido Popular de Galicia co que non ten boa sintonía, dea paso á fronte e acepte impulsar unha moción de censura no Concello de Ourense", sostén o PSOE de Ourense.

Os socialistas, que consideran que o equilibrio de poder "cambalea tras a marcha de Alberto Núñez Feijóo a Madrid" porque "Baltar quedou só", esperan que o presidente da Deputación de Ourense convoque "cando antes" o pleno extraordinario e urxente solicitado polo grupo político maioritario da oposición co fin de reprobar e pedir a dimisión de Jácome.

Así mesmo, reclaman unha condena institucional unánime da "brutal agresión" e instan a Baltar e a Feijóo a romper todas as relacións ou acordos vixentes co alcalde agresor e coa súa formación, Democracia Ourensana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta