O PSdeG augura "máis do mesmo" con Rueda: "Asistimos á presentación dun proxecto esgotado"

A deputada Begoña Rodríguez Rumbo denuncia que, durante estes 13 anos de goberno, nos que as competencias de Administración local dependían de Alfonso Rueda, a Xunta esqueceu "que debe financiar os concellos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2022 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, asegurou que o candidato a liderar o PPdeG e futuro presidente da Xunta, Alfonso Rueda, suporá "máis do mesmo" tras 13 anos como "corresponsable" das políticas de presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo.

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega xunto á deputada Begoña Rodríguez Rumbo, Luís Álvarez lembrou que Rueda é "un dos membros máis antigos" do Goberno de Feijóo. "Estivo en todas as tomas de decisión, en todas as medidas políticas que se foron levando a cabo estes 13 anos e, nese sentido, o PSdeG ten serias dúbidas de que Rueda vaia ser unha versión mellorada de Feijóo", dixo.

"Imos repetir unha sesión de investidura dous anos despois daquela na que foi elixido Alberto Núñez Feijóo e estamos absolutamente convencidos de que imos asistir, de novo, á presentación dun proxecto esgotado, sen capacidade de innovación para ofrecer nada novo e mellorar a vida dos galegos", afirmou.

Ante esta falta de "expectativas", o portavoz parlamentario do PSdeG lembrou que o pasado sábado o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lanzou a Rueda unha proposta para chegar a acordos en atención primaria, políticas sociais e economía. "Tres ámbitos fundamentais" nos que o PSdeG insistirá no debate.

UNS 13 ANOS "SEN AUMENTAR OS FONDOS AOS CONCELLOS"

Ademais, na rolda de prensa, a deputada Begoña Rodríguez Rumbo denunciou que, durante estes 13 anos de goberno, nos que as competencias de Administración local dependían de Alfonso Rueda, a Xunta esqueceuse "de que debe financiar os concellos".

"A parte de non incrementar nin un só euro a contía de financiamento aos concellos" neste tempo, a parlamentaria socialista afeou que "oito de cada dez" convenios asinados coas administracións locais corresponden a consistorios gobernados polo Partido Popular. "Por tanto, montando unha forma caciquil de distribuír os fondos", sostivo.

Todo iso, ademais, nun tempo no que os concellos sufriron unha "sobrecarga" de competencias e no que a Xunta recibiu "fondos covid" pero que tampouco "transferiu" ás administracións locais.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, e a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo. PSDEG
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, e a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta