A Xunta alerta da ameaza para a cadea mar-industria que supoñen decisións do Goberno central

O BNG demanda a transferencia a Galicia das competencias relacionadas co dominio público marítimo-terrestre.

Por E.P. | VIGO | 09/05/2022 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, alertou este luns da ameaza que supoñen para a cadea mar-industria de Galicia certas decisións do Goberno central que "poñen en risco" o sector. Na súa visita ás depuradoras Mariscos Linamar e Mariscos Daporta no porto de Tragove, en Cambados, lamentou a situación na que se atopan estas compañías tras o informe emitido por Costas do Estado que cuestiona a súa continuidade en terreos portuarios.

Segundo ela, esta situación "confirma" que as decisións do Goberno central neste sentido poñen en risco o futuro da cadea mar-industria de Galicia. Só neste caso, vense afectadas tres depuradoras e ao redor de 300 empregos.

"Todo aquilo que levamos dicindo desde 2019 e polo que nos chamaban alarmistas vemos que é unha realidade. Diciamos que viña o lobo e acusábannos de mentir, pero vemos que o lobo xa está aquí", criticou a titular de Mar, que trasladou aos representantes das dúas empresas o apoio da Xunta.

Quintana pediu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que non aplique agravios comparativos con Galicia e que dea seguridade xurídica ás empresas do sector para que poidan desenvolver os seus proxectos.

"A interpretación que fai o Goberno central, que cuestiona a presenza en terreos portuarios de actividades tradicionalmente permitidas como a acuicultura e a depuración de produtos do mar, pon en risco uns 300 postos de traballo só en tres depuradoras afectadas do porto de Tragove e ameaza outras instalacións sociais", lamentou o Executivo galego nun comunicado.

"EXTREMA GRAVIDADE"

Para Rosa Quintana, este é un asunto de "extrema gravidade", porque este mesmo problema pode reproducirse en moitos dos 112 portos autonómicos cos que conta Galicia, o que deixaría "no aire" a continuidade de numerosas instalacións do complexo mar-industria. O informe de Costas do Estado pretende aplicar a Lei de Costas nos terreos portuarios polo que vai, segundo a Xunta, "en contra da Lei de Portos de Galicia, do Estatuto de Autonomía de Galicia e da propia Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios".

A titular de Mar tamén lembrou outros "ataques" do Goberno á cadea mar-industria, como o recurso do Plan xeral de explotación marisqueira 2021-2023. "Por primeira vez desde 1991 recorren algo para o que temos competencias exclusivas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deunos a razón cunha sentenza moi ben fundamentada e o Goberno central volveu recorrer pondo en risco unha explotación marisqueira con 9.000 profesionais afectados que é un modelo a seguir na Unión Europea", censurou.

Rosa Quintana en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Rosa Quintana en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

BNG

BNG anunciou que demandará a inmediata transferencia á Xunta de todas as competencias relacionadas co dominio público marítimo-terrestre, como está establece o Estatuto de Autonomía de Galicia, que aínda non están transferidas.

Así o anunciaron o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada no Parlamento de Galicia Montse Prado nunha visita a Cambados, na que denunciaron que o cambio no artigo 20 da Lei de Cambio Climático afecta "de maneira especial" o sector mar-industria de Galicia ao cambiar os criterios para as concesións en dominio público marítimo-terrestre.

Precisamente en Cambados, un informe emitido por Costas do Estado cuestiona, en base a esta norma, a continuidade en terreos portuarios de tres depuradoras.

Ante esta situación, Néstor Rego sinalou que este cambio de norma "só miraba cara ao Mediterráneo", onde "a maioría de edificios son complexos vacacionais e hoteis en dominio público", pero en Galicia trátase de "actividades fundamentais para o mantemento de sectores económicos claves" para o desenvolvemento da economía galega.

Así mesmo, o deputado nacionalista defendeu que "é evidente" que, se non hai depuradoras de marisco, non hai actividade de marisqueo". Ademais, criticou que nin o Goberno nin os deputados do PSOE e de Unidas Podemos entendesen que manter ese artigo da Lei do Cambio Climático poría en risco esas actividades.

Por iso, os nacionalistas avanzaron este luns que presentarán iniciativas no Congreso e no Parlamento para garantir a continuidade da actividade do sector mar-industria en Cambados e desafectar os terreos e que pasen a ser propiedade do municipio. Nesta mesma liña, Rego asegurou que seguirán traballando para defender todos os postos de traballo do sector e lamentou a "submisión do goberno municipal de Cambados, do PP, e as actuacións do Goberno central, de PSOE e Unidas Podemos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta