Investidura: Rueda promete unha baixada de impostos para 2023

O candidato á Presidencia da Xunta confirma que "este ano" se aprobará unha nova Lei de inclusión social e anuncia que Galicia incorporará tres novas vacinas infantís.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2022 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

O candidato no pleno de investidura á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que Galicia "non esperará ao Goberno central" e no ano 2023 "reducirá o primeiro tramo do IRPF" do 9,4 por cento ao 9 por cento, situándose Galicia como a segunda "con menos impostos para as rendas máis baixas".

O actual vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e sucesor como presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O actual vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e sucesor como presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Con esta nova rebaixa fiscal, explicou durante o seu discurso de investidura, os impostos para estes fogares "serán máis dun 25 por cento máis baixos do que eran no ano 2009". "Desta maneira, estaremos ao seu lado para afrontar o grave incremento no prezo dos produtos esenciais por mor da inflación".

Ademais, a partir da declaración de 2023, as familias galegas con dous fillos menores de 25 anos contarán cos mesmos beneficios fiscais, a efectos de IRPF, que gozan as familias numerosas, unha promesa electoral que fixo Feijóo para esta lexislatura. Isto traducirase nunha dedución de 250 euros no tramo automático da cota íntegra do IRPF, que se incrementará en 250 euros extra polo terceiro fillo e cada un dos seguintes.

LEI DE INCLUSIÓN SOCIAL

Cos alicerces do "traballo, familia e futuro", o candidato á Presidencia da Xunta confirmou ademais que "este ano" se aprobará unha nova Lei de inclusión social para "dar resposta" ás familias que están nunha peor situación socioeconómica. Ademais, no ámbito da atención social, o aínda vicepresidente primeiro en funcións, Alfonso Rueda, avanzou que as oficinas da Xunta contarán cunha canle preferente "e máis humana" para a xente de máis de 65 anos.

Así mesmo, esta lexislatura dotarase de 2.000 novas prazas públicas especializadas en coidados, con entre outros novos servizos sete novas residencias financiadas pola Fundación Amancio Ortega e a construción de de centros de titularidade municipal, co apoio económico da Xunta.

NOVAS VACINAS INFANTÍS

Doutra banda, Rueda anunciou que Galicia incorporará, de forma totalmente gratuíta para as familias, tres novas vacinas ao calendario infantil: a da meninxite B, a do virus do papiloma humano para crianzas e a antigripal tetravalnte. Galicia converterase así, dixo, "na comunidade autónoma con vacinal infantil máis completa". Ademais, pedirá ao Ministerio de Sanidade que estenda este beneficio "ao resto de España".

En materia sanitaria, así mesmo, sinalou que nos próximos anos, Galicia culminará a maior reforma da atención primaria e seguirá avanzado na mellora salarial para recompensar o esforzo que fai o persoal sanitario de atención primaria. A este respecto, anunciou que "todos e cada un" dos especialistas en medicina familiar "serán contratados automaticamente". Ademais, cubriranse todas as prazas que conceda o Goberno central para formar novos especialistas.

No seu discurso, tamén avanzou que, en materia de saúde mental, farase un especial fincapé no benestar de adolescentes, cun paquete de medidas que inclúe un sistema de detención precoz de episodios que sexan alarmantes.

BONO XACOBEO XOVE

Noutra orde de cousas, Alfonso Rueda avanzou que o Goberno autonómico, se é elixido presidente, lanzará o Bono Xacobeo Xove, que bonificará as estancias nos albergues do Camiño para a mocidade de 18 a 30 anos durante a primavera, outono e inverno. Ademais, deslizou algúns cambios do seu futuro gabinete unha vez que saia investido presidente, como son a creación dunha "área específica de Termalismo" dentro da organigrama da Xunta, encargada de coordinar todas as actuacións sanitarias e lúdicas. 

CARTA A SÁNCHEZ

Na súa primeira semana á fronte do Goberno galego, Rueda, segundo explicou, remitirá unha carta ao titular do Executivo estatal, Pedro Sánchez, a través da que lle lembrará os compromisos pendentes con Galicia.

Entre outras cuestións, Rueda interpelará o Estado polos motivos polos que "segue sen permitir crear 64 novas prazas de formación de médicos de familiar" e "sen crear a especialidade de medicina de urxencias e emerxencias"; a falta do financiamento que lle corresponde a Galicia en materia de dependencia; a inexistencia dunha "implicación sincera e suficiente co Xacobeo"; e a negativa a situar en Galicia a sede do Instituto Oceanográfico.

Tamén preguntará a Sánchez pola falta de apoio ao Corredor Atlántico; a exclusión de Galicia do Perte do vehículo eléctrico; así como pola "penalización fiscal ás herdanzas en vida".

"EXPERIENCIA E RESPONSABILIDADE"

Alfonso Rueda arrincou o seu discurso de investidura pedindo o apoio e facendo gala da "experiencia, responsabilidade e esperanza". "Pido a confianza da cámara na que reside a vontade popular dos galegos", proclamou. Nos primeiros compases da súa intervención, Rueda citou todos os expresidentes autonómicos, desde Albor e Fraga pasando por Laxe e Touriño, ata chegar a Alberto Núñez Feijóo, presente no seu escano do goberno no hemiciclo, desde o que lle dará a substitución ao seu número dous durante 13 anos.

"Quero ser presidente da Xunta para profundar nos acertos que tivo a nosa terra nestes 40 anos e para tratar de mellorar aquilo que aínda pode facerse mellor", apuntou Rueda, quen ten entre os seus propósitos que Galicia siga sendo "referente de normalidade excepcional", cun goberno de maioría absoluta.

Rueda, ademais, reivindicou o presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, a quen definiu como "un galego exemplar" do que "aprendeu o verdadeiro significado do servizo público". Rueda asegurou que ao agora líder do PP "non se lle concedeu a fortuna de gobernar en tempos calmos, senón que se curtiu nalgúns dos momentos máis complicados da Galicia das últimas décadas".

Para concluír, Rueda quixo poñer o foco na intención de "ampliar" o legado dos anteriores presidentes. "Cambia o camiñante, pero o camiño segue", proclamou. "Non son nin aspirarei a ser Albor, nin Laxe, nin Fraga, nin Touriño. Tampouco son, nin podo nin tentarei ser Feijóo. Son Alfonso Rueda e traballarei para ampliar e mellorar o legado destes anos de Goberno", manifestou.

APLAUSOS Á "CONTINUIDADE" DE RUEDA

Precisamente, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, considerou "moi apropiadas" as propostas anunciadas polo candidato á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, ao considerar que "garanten a estabilidade" de Galicia. E apuntou así facendo fincapé na "continuidade" que viría a marcar o paso de Rueda pola Xunta, "continuidade a unhas políticas que nos últimos anos deron bos resultados e ás que, evidentemente, o novo candidato, desde a moderación, desde o reformismo, vai dar un novo impulso", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta