'Ponte nas ondas!' recolle nun libro fotográfico o patrimonio inmaterial galego-portugués

O proxecto dixital 'Memoria e Patrimonio', que xorde do certame fotográfico da asociación, presentarase en Muros este mércores.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2022 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

A asociación cultural e pedagóxica Ponte nas ondas! vén de sacar adiante o proxecto dixital 'Memoria e Patrimonio', que xorde a partir do certame anual 'As imaxes do patrimonio' organizado pola mesma asociación. O proxecto, que pon en valor o traballo co patrimonio inmaterial de escolas galegas e portuguesas a partir de álbums fotográficos familiares, presentarase no IES Plurilingüe Fontexería, en Muros, este mércores, 11 de maio. 

Alumnado participante no Ponte... Nas Ondas!
Alumnado participante no Ponte... Nas Ondas! | Fonte: Ponte nas ondas

"A fotografía ten esa fascinante evocación da inmortalidade, recuperamos a historia dos avós, dos pais, dos traballos, das viaxes, das festas... Permítenos reconstruír os momentos máxicos da antropoloxía cultural da nosa terra". Así explica a importancia do proxecto Anxo Cabada, fotógrafo, membro do xurado do concurso, e quen asina tamén o prólogo da obra ‘Memoria e Patrimonio. Unha boa práctica co Patrimonio Cultural Inmaterial’.

 

No limiar, Anxo Cabada salienta a relevancia da iniciativa da asociación para, desde a escola, "coidar a esencia do que somos", entender mellor as nosas orixes e "non ser simples espectadores da compracencia das imaxes, senón tamén a axudar a construír unha formación máis solidaria, informada, crítica e coñecedora da nosa historia", recolle a asociación nunha nota.

 

25 FOTOGRAFÍAS DO PATRIMONIO

A publicación, realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021- 2022, presenta 25 fotografías seleccionadas entre as recollidas nas primeiras edicións do certame 'As imaxes do patrimonio', que este mesmo ano alcanza xa a súa quinta convocatoria. "As imaxes son exemplo de como a mocidade de centros educativos de Galicia e de Portugal toma contacto coas xeracións anteriores e recolle as memorias asociadas ao patrimonio inmaterial galego-portugués", explica a asociación. 

 

Cada unha das fotografías vai acompañada dun texto explicativo redactado polo alumnado, e ademais, cada fotografía é interpretada graficamente a través dunha banda deseñada elaborada polo ilustrador Andrés Meixide, un colaborador habitual dos diferentes proxectos de Ponte nas Ondas!. Alén do libro en formato descargable, os materiais contan cunha versión multimedia enriquecida con diversos contidos.

Por unha beira, explica a asociación, pode consultarse en formato de audiolibro e escoitar os podcasts que acompañan cada unha das imaxes. E por outra parte, proporciónanse unha serie de actividades interactivas pensadas para o aproveitamento didáctico a partir das temáticas relacionadas coas diferentes fotografías. O libro estará dispoñible desde o 11 de maio de 2022 no Portal da Lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística e na web de Ponte nas Ondas!

Esta asociación leva máis de 25 anos traballando na divulgación do patrimonio inmaterial galego-portugués e proximamente, en decembro de 2022, decidirase a súa inscrición na UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura, que foi presentada por parte de Portugal e España en marzo de 2021, será a primeira inscrición para Portugal e Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta